Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

NOTA DE PRENSA

Reyes afirma que as partidas para Santiago nos orzamentos do Estado non poñen as bases para a diversificación económica que a cidade necesita

04/04/2018

"Os orzamentos xerais do Estado para Santiago non poñen as bases para a diversificación económica que precisa a cidade e non axudan a coser Compostela e a conectala coa comarca". Con esta frase resumía o voceiro do grupo municipal socialista, Paco Reyes, o que supoñen para a súa formación as partidas que se pretenden destinar a Santiago dos Orzamentos Xerais do Estado de 2018. O concelleiro destacou que non se chega nin ao 10% do consignado en 2011 con gobernos socialistas en Madrid e Compostela, cando a partida acadou os 250 millóns. Agora, son 21 millóns.
Á espera dunha valoración polo miúdo coa deputada compostelá Pilar Cancela -prevista para mañá xoves ás dez-, Paco Reyes afirmou que, agás actuacións vencelladas á AP9 e orbital, nos orzamentos faltan partidas moi importantes; sobre todo aquelas dirixidas á acadar unha diversificación que, segundo o edil, precisa Santiago, así como aquelas obras que servirían para coser a cidade e conectala axeitadamente coa comarca -dun xeito específico, con Ames-.
Así, botou en falta investimentos para o revestimento do paso inferior e proxecto en superficie da rotonda de Conxo; para o centro de Ciencias do Patrimonio Cultural; para o Centro de Estudos de Biomedicina do CSIC; para a estación de mercadorías da Sionlla, para o paso inferior da rotonda do Milladoiro e a conexión con O Porto e o polígono industrial do Milladoiro, ou consignación orzamentaria para a redacción do proxecto para a posta en funcionamento da antiga terminal aeroportuaria de Lavacolla.
Así mesmo, criticou o voceiro do grupo municipal socialista que non se identifica a contía adicada a intermodal -o intercambiador, como o denominan Reyes-, e asegurou que a partida que se destina ao Consorcio non permite máis que o mantemento do propio organismo.

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org