Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

ROLDA DE PRENSA

Cancela e Reyes anuncian emendas á totalidade dos orzamentos do Estado, coa inclusión de novas partidas e proxectos vitais para Santiago

05/04/2018

A deputada compostelá, Pilar Cancela, asegurou que a cidade, un ano máis, "non ten nos orzamentos xerais do Estado o tratamento que merece e necesita como capital de Galicia". Cancela realizou esta mañá unha valoración dos Orzamentos de 2018 do Partido Popular nunha rolda de prensa celebrada no pazo de Raxoi xunto co voceiro do grupo socialista, Paco Reyes. A parlamentaria explicou os principais argumentos, "de peso", polos que o PSOE vai votar en contra desta proposta, ao tempo que anunciou que o vindeiro luns, "e porque temos un proxecto de país", os socialistas presentarán no Congreso un documento alternativo. Ademais, os dous responsables socialistas destacaron os elevados investimentos para Santiago durante os gobernos socialistas, e así, lembraron que en 2011, coa crise no seu momento álxido, Compostela tivo -con alcalde e presidente do Goberno do PSOE- 250 millóns, mentres que agora as partidas non chegan nin ao 10% desa cantidade.
"A primeiro conclusión disto é que Santiago necesita un alcalde ou alcaldesa socialista", dixo Reyes, que engadiu que "mal o PP, que é o que ten que poñer os cartos, e mal CA, que é o que ten que presentarlle un proxecto de cidade do que se ve que carece".
Para Cancela, a proposta para Santiago non recolle os proxectos que, a xuízo das e dos socialistas, situarían á capital de Galicia como referente e como centro de vertebración, así como para darlle o "o pulo económico" que a cidade necesita. Ese mesmo argumento foi o empregado polo voceiro municipal, Paco Reyes, que engadiu que se botan en falta unha serie de proxectos baseados en dous eixos fundamentais: a diversificación do tecido económico -co centro de Ciencias do Patrimonio Cultural, con cero euros consignados, e o Centro de Estudos de Biomedicina, que directamente desaparece do documento; coa estación de mercadorías da Sionlla, que tamén desaparece; e o proxecto para a antiga terminal de Lavacolla, que o socialista cre que debería acoller un campus aeronáutico-, e as iniciativas encamiñadas a tecer a rede da nosa cidade e cosela co resto da comarca -proxecto en superficie da rotonda de Conxo e o revestimento do túnel e o paso inferior da rotonda Santiago-Milladoiro e a conexión co seu polígono industrial-.
Precisamente estas actuacións serán contempladas, xunto cun incremento doutras partidas -nomeadamente para a EDAR e para o Consorcio, sobre o que os dous responsables políticos socialiatas amosaron a súa preocupación polo escaso investimento- na emenda á totalidade que presentará o PSOE no Congreso dos Deputados o vindeiro luns.
Esta negativa socialistas á proposta do PP foi amplamente xustificada por Pilar Cancela, que cualificou os orzamentos populares como "tremendamente insolidarios", moi inxustos para as clases traballadoras e medias e, no caso de Galicia, escasos. A deputada, que criticou que Feijoo acepte sen máis un orzamento que sitúa a Galicia nunha das catro comunicades con menos incremento, subliñou que outro dos graves problemas do PP é que, a maiores, ten un nivel de execución dos investimentos pírrico.

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org