Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

ROLDA DE PRENSA

Paco Reyes insta ás administracións implicadas a deixar a política e pasar ás cuestións técnicas e feitos concretos coa EDAR

10/04/2018

"Dende o grupo municipal socialista pedimos que se pase dos debates políticos aos feitos concretos porque o tempo apremia e estamos poñendo en risco o peto dos veciños e veciñas de Santiago". Así se manifestou esta mañá o voceiro do PSdeG-PSOE, Paco Reyes, que compareceu en rolda de prensa para valorar a reunión de onte entre as administracíóns implicadas na construcción da nova EDAR.
Para o edil, resulta fundamental que o alcalde poña enriba da mesa un calendario con prazos concretos sobre a súa proposta e que presente a petición, co seu respectivo rexistro de saída, as solicitudes aos organismos oficiais para que certifiquen que se pode -ou non- levar a cabo a amplicación como tal na Silvouta e que é viable dentro dos prazos marcados pola Unión Europea para non perder eses fondos comunitarios.
Para Paco Reyes, o que acontece coa depuradora comeza a ser unha triloxía, con tres plantexamentos que o voceiro socialista plantexou na rolda de prensa desta mañá. A primeira, a lembranza das tamén tres "espadas de Damocles": a do "risco serio" de perder os fondos comunitarios; a do cobro da multa pendente da UE que se calcula será en torno aos catro millóns de euros; e a posibilidade de que se aplique o artigo 127 da Lei de Augas do Estado, que habilita a Acuaes -como obra de interese xeral- a decidir dun xeito unilateral a ubicación e os investimentos. A este respecto, o concelleiro preguntou ao alcalde, Martiño Noriega, se ten algo que dicir sobre estas cuestións, se lle preocupan e se o ten presente.
En segundo lugar, Reyes fixo referencia a outras tres preguntas que o rexedor ten sen respostar ao grupo socialista. Nomeadamente, son o por que Noriega non recurriu a sentenza de outubro de 2015 que anulaba unha parte -a relativa ao movemento de terras- da EDAR na Silvouta; por que en dous anos mantivo como ubicación O Souto e de súpeto a principios deste ano decidiu mudar de opinión; e que negociou en Madrid nestes dous para "levar o convenio que levou" ao Concello.
E, como terceiro punto desta "triloxía" de reflexións, o voceiro socialista apuntou se existe alguén que poida certificar, máis aló do experto que fixo o estudo para CA, que a tecnoloxía pola que aposta agora o grupo de goberno local "é a máis axeitada para Santiago", tendo en contra o nivel de pluviais que rexistra a nosa cidade.
Neste sentido, Reyes interesouse polo calendario que se manexa para avaliar esta e as demais tecnoloxías -se é que se vai facer, incluida a da EDAR de Ourense-.
O concelleiro socialista tamén quere saber se existe, ou haberá en breve, algunha certificación oficial que se poida presentar que diga que a alternativa de CA na Silvouta pode executarse como ampliación e, en caso afirmativo, se cumpriría os prazos para non perder os fondos da UE. Ademais, Reyes quere saber como pretende financiar esta actuación, de facerse, o alcalde e, a este respecto, dirixiuse a Noriega para saber "que é iso de que vai botar as contas".
En conclusión, os socialistas reclaman que o rexedor resposte a todas estas preguntas e que poña enrima da mesa un calendario "porque o tempo apremia"; isto é, que comece a facer política en maiúsculas". Esta petición fíxoa extensiva "a outro dos grandes implicados nesta historia, o PP, quie decidiu unilateralmente e por motivos unicamente políticos modificar a ubicación prevista para O Souto"
O voceiro do PSdeG insistiu na necesidade que a EDAR de Santiago conte coa mellor das tecnoloxías e se faga en tempo, polo que abogou por traballar en base a criterios técnicos e deixar os debates políticos.

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org