Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

ROLDA DE PRENSA

O grupo socialista urxe actuacións de reparación de fachadas e no interior dos inmobles no grupo de vivendas Cardenal Quiroga

11/04/2018

O voceiro socialista, Paco Reyes, e o concelleiro Gonzalo Muíños, realizaron esta mañá unha visita ao grupo de vivendas Cardenal Quiroga de Pontepedriña, despois que de que se teña producido un novo derrubo dunha fachada. Os edís estiveron acompañados por representantes da Asociación de Veciños Sandra Prego, que denunciaron a situacíón de abandono na que se atopan e reclamaron ao alcalde que os visite, posto que xa están cansos de reunións co concelleiro de Espazos Cidadáns, Jorge Duarte, nas que "só nos vende fume". Reyes esixiu respostas inmediatas para reparar as vivendas, e o desenvolvemento dun ARI que leva oito anos aprobado inicialmente.
"É tempo de pasar do imos facer ao temos feito", manifestou Paco Reyes nun encontro celebrado cos medios de comunicación no grupo de vivendas Cardenal Quiroga, unha vez que se produciu un novo derrubo do revestimento dunha fachada. O grupo socialista, que neste último ano ten presentado ao pleno da corporación un rogo reclamando o desenvolvemento do ARI de Pontepedriña e unha proposición -en decembro de 2017- a raíz do primeiro dos derrubos, reclamou o inmediato e urxente cumprimento destes acordos plenarios.
A esta respecto, Reyes alertou da situación na que se atopan moitos veciñas e veciños deste barrio, que están a sofrir problemas mesmo de saúde polas humidades. Precisamente o vicepresidente da Asociación de Veciños Sandra Prego, Javier Fernández, referiuse a esta circunstancia, asegurando que o barrio se atopa nunha situación "dramática". Así, afirmou que o goberno municipal "non se está tomando en serio aos nosos maiores", apuntando que "non é que moitos non poidan baixar, é que mesmo cando teñen que ir ao médico precisan dunha ambulancia para poder facelo".
Ademais de criticar duramente o estado dos inmobles, Fernández denunciou a dificultade do papeleo e tramitación das axudas para o ARI, que se fai imposible para a maior parte de xente de idade.
Por todo iso, e dado que por parte do edil de Espazos Cidadáns, Jorge Duarte, só reciben boas palabras, o vicepresidente da entidade instou ao alcalde, Martiño Noriega, a visitar o barrio.
Paco Reyes e Gonzalo Muíños insistiron na desidia do goberno local con este barrio e, como exemplo, puxeron o do revestimento da fachada derrubada nun temporal a finais de novembro, na que non se fixo absolutamente nada. Para o voceiro socialista, é inaceptable ter chegado a esta situación e, sendo coñecedores de que parte das vivendas son titularidade da Xunta, pedirá ao Concello -como xa se indicaba na proposición presentada en pleno en decembro de 2017- a rexistro de saída do escrito que confían os socialistas que exista coa orde de execución desta obra ao executivo galego. O edil lembrou, ademais, que se a Xunta non acatase a súa responsabilidade, o Concello pode levar a cabo a intervención e, despois, reclamarlle a factura.

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org