Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

ROLDA DE PRENSA

O grupo municipal socialista presenta ao pleno unha moción reclamando un plan integral de mellora da accesibilidade na contorna do CHUS

16/04/2018

O grupo municipal socialista debatirá no pleno ordinario deste xoves unha moción de mellora da accesibilidade universal do complexo hospitalario universitario (CHUS). O voceiro, Paco Reyes, presentaba esta iniciativa esta mañá en rolda de prensa, na que os socialistas solicitan a realización dunha auditoría integral de accesibilidade de forma coordinada entre os servizos técnicos do Concello, o Sergas e Tussa, así como da concesionaria do aparcadoiro municipal da Choupana, tanto do acceso ás edificacións, dos espazos públicos interiores do complexo, dos exteriores e dos autobuses do servizo urbano de transporte público que prestan servizo ao mesmo.
Na moción o PSdeG-PSOE inclúe o desenvolvemento, unha vez coñecido o resultado da auditoría, dun programa de actuación de mellora da accesibilidade universal, con propostas de actuación identificadas, programadas e valoradas. Así mesmo, os socialistas solicitan que o Concello inste ao Sergas e ao concesionario do aparcadoiro a execución deste programa no ámbito dos espazos e equipamentos das súas respectivas competencias; e que o propio Concello e Tussa doten orzamentariamente e executen actuacións que lles corresponden.
Como destacou o voceiro do grupo, Paco Reyes, con esta iniciativa o que se pretende é "abordar dunha vez por todas" un problema na accesibilidade ao CHUS, que mentres que si o ten resolto no seu interior, non acontece o mesmo na zona exterior. A este respecto, asegurou que mesmo hai zonas nas que non se pode acceder con cadeira de rodas, extremo de especial gravidade se temos en conta que estamos a falar dun centro hospitalario.
Reyes confía en acadar o apoio unánime dos grupos municipais no pleno ordinario deste xoves para poder poñer solución a esta situación.

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org