Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

ROLDA DE PRENSA

O grupo socialista amosa a súa preocupación polas queixas suscitadas coa atención domiciliaria e presentará unha serie de escritos sobre o servizo

26/04/2018

O grupo municipal socialista, segundo apuntou o seu voceiro, Paco Reyes, está "moi preocupado" pola prestación do servizo de atención a domicilio a dependentes. Ante as queixas suscitadas tanto por traballadores como por usuarios dunha das dúas empresas contratadas polo Concello dende febreiro deste ano -a que presta o servizo na zona este, Eulen- e ante a falta de respostas concretas da concelleira responsable da área ás preguntas formuladas no pleno de abril pola edila Mila Castro, os socialistas presentarán un escrito interesándose por estas cuestións que afectan a un servizo "esencial" para un concello que, como lembrou Reyes, ten un número de poboación moi envellacido e con moitas persoas maiores que viven soas.
As denuncias das que se veñen falando estes días por parte de usuarios e traballadores dunha das dúas empresas contratadas polo Concello para a prestación de atención domiciliaria a dependentes -comezou o contrato o pasado 14 de febreiro, que está dividido xeograficamente, de modo que unha atende á zona norte e outra á este, que é a que está xerando ditas queixas-, afectan tanto ao convenio colectivo, número de horas e ausencia de materiais e medios para atender a dependentes -no caso dos empregados-, como á falta de prestación de servizos tales como perruquería, fisioterapia e podoloxía -no caso das persoas usarias-. E, dada a situación, os socialistas preguntarán por escrito ao goberno local de Compostela Aberta, como adiantou esta mañá en rolda de prensa o seu voceiro, Paco Reyes, se xa teñen aberto un expediente -en principio, a Eulen, a empresa obxecto das queixas- para avaliar o alcance das denuncias.
Por outra banda, e vencellado con esta situación, Reyes quixo facer fincapé nas respostas da concelleira da área, Concha Fernández, ás preguntas realizadas pola edila Mila Castro no pleno do pasado 19 de abril, na que recoñeceu que a data 11 de abril o número de persoas en lista de agarda era de 53, 48 delas en grao 1 e 2. "Unha das liñas vermellas que temos, e que esiximos a Compostela Aberta en 2017 e de novo en 2018 cos orzamentos, era precisamente acadar que neste servizo a lista de agarda fora de cero persoas", manifestou o concelleiro socialista, que pedirá tamén dos responsables municipais un calendario para coñecer "xa" os prazos do goberno para rematar con dita lista e, polo tanto, cumprir con este acordo selado co grupo socialista. "A concelleia xustifcaba antes a existencia desta lista polo contrato anterior, pero agora xa non hai excusa", afirmou o edil, que lembrou que que o novo servizo leva máis de dous meses funcionando.
Reyes denunciou, así mesmo, o problema que existe coa espera media. Nomeadamente, considera moi excesivo os máis de seis meses -198 días- que deben agardar as persoas dependentes de grao 2, segundo os datos facilitados por Fernández no pleno do 19. Pero é que, ademais, a concelleira unicamente deu os datos deste dependentes e dos de grao 3 -11 días- obviando os de grao 2. Por iso, os socialistas engadirán ao seu escrito a petición dos tempos medios de agarda por cada un dos graos de dependencia.
Paco Reyes asegurou que o seu grupo está "moi preocupado" pola prestación deste servizo, que considera "esencial" e que, malia ser desenvolvido por contratas por falta de medios da administración, "o certo é que o Concello ten que garantir que se preste de forma eficiente".

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org