Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

ROLDA DE PRENSA

Paco Reyes afirma que CA non considera prioritario o tema do paro e reclama unha memoria de execución do Plan de Emprego do Concello

03/05/2018

Coincidindo coa recente presentación dos datos da EPA correspondentes ao primeiro trimestre de 2018 (o pasado 30 de abril), o voceiro do grupo municipal socialista, Paco Reyes, comparecía esta mañá en rolda de prensa para dar conta das cifras relativas a Santiago, que segundo dixo, confirman que "Compostela Aberta claramente non considera prioritario o tema do paro". Ante as malas cifras relativas ao número de activos, poboación ocupada, inactivos, taxa de actividade, de ocupación e mesmo de afiliación á Seguridade Social, o concelleiro reclamou do goberno municipal para antes do verán unha memoria de execución do Plan Municipal de Emprego.
"Compostela Aberta sempre fai referencia á taxa de ocupación, pero non ten en conta que Santiago é unha cidade de funcionarios, que da un pulo de sostemento á taxa de ocupación", afirmou Paco Reyes, que amosou esta mañá a súa preocupación por uns datos, os da EPA do primeiro trimestre de 2018, que confirman unha tendencia que se vén experimentando dende hai un tempo. E é que as cifras que da a enquisa son realmente negativas para unha cidade que aguantou mellor que outras os efectos da crise por, como destacou o edil, o elevado número de funcionariado (Xunta, sanidade, Universidade e administración local) e a un emprego, xeralmente cíclico, temporal e de escasa calidade por estas razóns, vencellado ao turismo.
Así as cousas, Reyes subliñou a baixada nun 10% dos activos -a que máis baixa de Galicia-, dun 7% da poboación ocupada -é a única das sete cidades que diminúe-, ou o incremento dun 13% dos inactivos -tamén a que máis sube-. En base a isto, a baixada do paro non resposta, como dixo o edil, a unha creación de emprego, senón que hai menos activos porque "marcha fóra a buscar un posto de traballo".
En canto á taxa de actividade, baixa 5,2 puntos e a de ocupación tres, mentres que a de paro sofre así mesmo unha redución de 2,6 puntos porque "perdemos poboación activa". Aínda que baixa esta taxa, Paco Reyes destacou que, por exemplo Ferrol, faino en 8,5 puntos, ou que malia ter unha taxa de paro do 13,6%, Lugo -cunha alcaldesa socialista, Lara Méndez, queda nun 8,5% de desemprego-.
E se estes datos son malos para Santiago, os de afiliación á Seguridade Social non son mellores. A este respecto, o voceiro do grupo municipal socialista informou de que éstas baixaron, sobre todo nos tramos de 30 a 40 anos, no caso dos homes, e de 20 a 40, no das mulleres. "Estes son uns datos moi serios", dixo.
Reyes lembrou que o seu grupo presentara unha serie de preguntas sobre os parados de longa duración en Santiago, ás que a responsabla desta área, Marta Lois, respostou que non tiña resposta porque non había datos oficiais. Pois ben, Reyes asegurou esta mañá que na web do Instituto Galego de Estatística (IGE) veñen recollidos estes datos e que, no caso dos parados de longa duración (máis dun ano), son en Compostela 2.745, isto é un tercio de todos os desempregos do municipio segundo os datos da EPA (6.900). Ademais, destes 2.745, o 57% son mulleres.
En base a todo isto, os socialistas piden ao goberno municipal que antes do verán presenten unha memoria de execución do Plan Municipal de Emprego. "Pedimos que se tome en serio o desemprego e avalíe o seu plan de emprego", manifestou.

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org