Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

ROLDA DE PRENSA

O grupo socialista pedirá a través dunha proposición plenaria máis medios para a Policía Local

04/05/2018

O pleno da corporación do mes de maio, previsto para o xoves 24, debatirá e votará a proposición do grupo municipal socialista relativa á necesidade urxente de dotar de máis medios humanos e técnicos á Policía Local. "Nós non imos facer demagoxia nin vamos aproveitar determinadas circunstancias para amosar o noso apoio e recoñecemento á Policía Local", asegurou o voceiro socialista, Paco Reyes, que subliñou que para mellorar e preservar a seguridade cidadá resulta prioritario atender unha serie de demandas, como a do incremento de axentes.
En rolda de prensa, Paco Reyes lembrou como se pasou de 175 efectivos e co obxectivo de chegar a 201, na etapa do alcalde socialista Sánchez Bugallo, aos 133 actuais, e destes uns oito de baixa. A este respecto, o edil destacou que foi o PP o que no anterior mandato eliminou vinte prazas da relación de postos de traballo (RPT), polo que "a metade da responsabilidade da situación actual da Policía Local é do Partido Popular".
A maiores, habería un problema engadido no caso de que se admitan as xubilacións anticipadas, xa que quedarían só 120 axentes para todo o municipio. Tamén hai baixas que non serían tales cunha segunda actividade, isto é, que estas persoas se adicaran a tarefas como inspección de vados ou formación en seguirdade viaria.
"Hai pouco se falaba dun repunte en determinados delictos", subliñou o concelleiro, que engadiu que "se tes 100 axentes menos, a verdade é que se ten que acabar notando".
A zona rural é unha das máis afectadas por estas deficiencias, así como a protección de casco histórico, a defensa do medio, ou a formación en seguridade viaria.
"Estamos ante unha necesidade clara", afirmou Reyes, que denunciou que a esa falta de efectivos súmase que as horas extras que fan os axentes levan sen ser pagadas dende o mes de setembro.
Por outra banda, o grupo municipal pedirá que se lle dote á Policía Local doutra serie de recursos, nomeadamente informáticos e telemáticos, implantando un sistema similar ao que ten a Local da Coruña, así como dunha parcela permanente para impartir a seguirdade viaria (a de Amio ten que ser cedida cando existen actos).
E de onde saen os cartos? "O grupo municipal socialista ten o costume de buscar posibles fontes de financiamento cando presenta unha iniciativa que supón un gasto", explicou Paco Reyes, que adiantou que o Real Decreto de 23 de marzo que recolle o acordo acadado polo Ministerio de Facenda co alcalde socialista e presidente da FEMP posibilitando investir un posible superávit, contempla programas de Seguridade e Orde público, nos capítulos I e II (o primeiro é precisamente o de persoal).
Ante esta opción, o grupo socialista pedirá os pertinentes informes a asesoría xurídica, secretario xeral do pleno e intervención para que avalíe este decreto e, deste xeito, confirme se, como parece, é posible investir en persoal e medios técnicos en base ao mesmo (Reyes engadiu que tamén se podería aplicar a asistencia social primaria).

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org