Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

ROLDA DE PRENSA

Paco Reyes reclama ao goberno local que aborde de forma urxente a renovación da flota de autobuses urbanos

07/05/2018

O grupo socialista reclama do goberno municipal que aborde "definitivamente e de forma urxente" a renovación urxente da flota de autobuses urbanos. Como denunciou esta mañá en rolda de prensa o voceiro deste grupo, Paco Reyes, as queixas de conductores e usuarios -mesmo do propio edil, que emprega o transporte público a diario- son constantes, xa que as deficiencias son moitas e moi evidentes: buses con problemas nos motores ou con escasa adaptación a persoas con mobilidade reducida, entre outras.
Paco Reyes lembrou que a data de renovación estaba prevista para 2015, durante o mandato do PP, e entón os populares decidiron non sacar o correspondente prego e renovar ata febreiro de 2016, deixando unha partida orzamentaria para esta adquisición. Co cambio de goberno, e xa en febreiro de 2016, Compostela Aberta decide prorrogalo un ano máis, e Tussa, en xuño de 2017 -xa non había máis posibilidades de prórroga- encarga uns pregos, cun estudo que se mandou a Madrid. "Se todo vai ben, ata decembro non habería novo contrato e ata febreiro ou marzo de 2019 non teriamos os buses novos", dixo Reyes, que engadiu que "no mellor dos casos, habería que manter esta situación case un ano máis".
Por iso, os socialistas preguntarán ao goberno de CA polas razóns polas que non se solventou este problema e non se mercaron os autobuses novos, ao tempo que reclaman dos responsables municipais que aborden con carácter de urxencia a renovación dunha flota que, ademais, debe atender ás necesidades da cidade e a súa poboación. Adaptados e que amosen "unha aposta decidida polo respecto ao medio" son algunhas das características que debe atender a nova flota.
Reyes asegurou que Compostela Aberta non deu explicacións da prórroga en febreiro de 2016 -cando había partida orzamentaria- e lembrou que dende febreiro de 2017 están sen contrato. Ademais, indicou que non lle vale a "excusa" dada no seu momento polo concelleiro de Espazos Cidadáns, Jorge Duarte, vencellando os novos buses ao Plan de Mobilidade, posto que "en xuño de 2017 si que encargou os pregos e tampouco había plan, que segue sen existir", manifestou Reyes.

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org