Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

ROLDA DE PRENSA

Paco Reyes critica os pregos para a xestión a Escola Municipal de Música e esixe ao alcalde que resolva os grave problema xerado co persoal do centro

09/05/2018

O concelleiro socialista Paco Reyes vencellou o acontecido coa Escola Municipal de Música -a única empresa que opta á súa xestión, Esproade SL, non asume a subrogación do seu persoal- co xeito como abordou Compostela Aberta a contratación do servizo. Así, ademais de denunciar que se contrarara a unha empresa para redactar os pregos, "ao final éstes non facilitan para nada a concurrencia, xa que unicamente se presentou Esproade", dixo Reyes, que asegurou que se CA apostara claramente polo proxecto educativo e curricular -da puntuación total, que podería chegar a 35, estes aspectos só puntuaban 10-, terían en conta ao persoal, xa que é un profesorado de un prestixio recoñecido e con, nalgúns casos, quince anos de docencia na escola.
Xa que por lei non se pode impedir que unha empresa concesionaria decida non subrogar ao persoal e xa que, neste caso, o convenio non incluía este punto, Reyes está convencido de que o xeito de abordar os pregos de licitación da xestión da Escola Municipal de Música foi decisivo para xerar este problema que afecta a 24 traballadores e traballadoras deste centro.
"O máis importante non son os instrumentos, senón o profesorado, que na Escola Municipal de Música son de recoñecido prestixio e teñen convertido á Escola nun centro de referencia", asegurou o voceiro socialista, que afirmou que o capítulo do persoal quedaría garantido se Compostela Aberta dera prioridade nos pregos -que, por certo, foron elaborados por unha empresa contratada para tal fin polo goberno local- ao proxecto educativo e curricular.
Reyes criticou o case "monopolio" que se pode producir cunha empresa, a única, que opta á xestión da Escola e que obtivo unicamente 20.5 puntos -o mínimo é 18-, e que ademais, nestes eidos educativo e curricular tivo o 40% e o 70% do total -nesta orde-. Co prezo ocurre o mesmo, xa que nos pregos figura 38,82 euros por hora e Esproade ofrece 38,67.
Así as cousas, o grupo socialista reclama ao alcalde, como máximo responsable, que resolva esta situación e que explique cómo pensa facelo, ao tempo que preguntan as razóns polas que esta circunstancia non se tivo en conta cando se redactaron os pregos. "Debe resolver este problema cos traballadores e traballadoras", dixo Reyes, que engadiu que Noriega non pensou nin na calidade educativa nin no profesorado.
Nesta liña, e recoñecendo as dificultades que ten a remunicipalización de servizos polos moitos reparos existentes na lexislación limitativa do PP, Reyes subliñou que CA tiña un compromiso de elaborar unha auditoría de todas as subcontratas do Concello para avaliar as que poderían ser recuperadas e as que non. "Queremos esa auditoría e pensamos que en tres anos houbo tempo dabondo para facel", asegurou o concelleiro, que ante as declaracións realizadas pola concelleira de Facenda, María Rozas, a un medio de comunicación dando a entender que dita auditoría existe, esixiu que se dea a coñecer.

PONTEPEDRIÑA
Por outra banda, Paco Reyes solicitou ao goberno municipal que, unha vez que ten decidido solventar a caída de fachadas en Pontepedriña remitindo cartas á veciñanza con ordes de éxecución para que se fagan cargo das obras, se publique unha convocatoria pública extraordinaria e urxente para subvencionar ao 100% ditas intervencións de reparación, de modo que as veciñas e veciños queden exentos do pago das mesmas.
"Con pensións de 300 euros ao mes é imposible facer fronte a estas obras", destacou o edil socialista, que asegurou que existe esta posibilidade de subvención da totalidade destas intervencións, con independencia daquelas vivendas que aínda son propiedade da Xunta.

BUSES
Finalmente, Reyes matizou unha información dada este mesmo luns relativo á flota de autobuses, xa que o contrato remataba en febreiro de 2016 e non en 2015, como se deu por erro. Destre xeito, o concelleiro dixo que o PP non era o responsable da primeira prórroga, senón CA -o PP deixou unha partida consignada para a adquisición de autobuses, que non fixo efectiva polo cambio de goberno-.
Iso sí, Reyes incidiu nas queixas e no feito de que ata dentro dun ano non se merquen vinte buses, ao tempo que preguntou a Jorge Duarte se os 11 autobeses que se renovaron nun ano es medio son novos ou veñen doutras flotas. Estas preguntas serán elevadas ao pleno deste mes.

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org