Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

ROLDA DE PRENSA

O grupo socialista reclama actuacións de mellora e mantemento a través dunha moción na rúa do Pombal e a praza do Campo de San Clemente

21/05/2018

O grupo municipal socialista leva ao pleno deste xoves unha moción na que pide unha serie de actuacións de mellora e mantemento no ámbito da rúa do Pombal e na praza do Campo de San Clemente. O seu voceiro, Paco Reyes, ofreceu esta mañá unha rolda de prensa para presentar esta iniciativa, ademais de dar conta do acontecido a primeira hora desta mañá na mesa de contratación da Escola Municipal de Música, á que só acudiu, ademais do grupo de goberno, o edil socialista Gonzalo Muíños coa intención de buscar unha solución á problemática xurdida. Así mesmo, e preguntado ao respecto, Reyes valorou a enquisa de Sondaxe, recoñecendo non estar satisfeito porque "só o estaría se obtivéramos un 34 ou 35% que sería rozar a maioría absoluta", mais engadindo que o PSdeG é a forza que máus sube das que están na corporación e roza o quinto concelleiro.
O voceiro socialista presentou a moción que levará o seu grupo ao pleno ordinario deste xoves 24, e que insta ao goberno local a requirir aos propietarios das parcelas que procedan a amañar e acondicionar as súas propiedades na parte que afecta a beirarrúa da Rúa do Pombal. De igual forma, solicita ao Concello que faga o mesmo no tramo de muro de propiedade pública, que proceda á limpeza e roza do espazo da beirarrúa e do muro da Alameda e ao mantemento do pavimento das beirarrúas de cada un dos marxes da rúa.
En segundo lugar, pídese estudar a posibilidade de ampliar o ancho da beirarrúa, reordenando a sección transversal existente na calzada. E, como terceiro punto, o grupo socialista reclama a execución e a rehabilitación integral da Praza do Campo de San Clemente e, aproveitando dita circunstancia, que se estude a súa reordenación funcional e a mellora da súa humanización e da súa integración ao atoparse nunha situación relevante no espazo público.
Por outra banda, Reyes explicou a posición do grupo socialista na mesa de contratación desta mañá relativa á Escola Municipal de Música, na que se levaban dous informes contradictorios, un do asesor xurídico da Alcaldía e outro da viceinterventora. Ademais de subliñar que o PSdeG foi o único grupo, xunto co goberno, que acudiu á Mesa para tratar de acadar unha solución ao problema xerado con esta contratación, explicou que dita proposta pasaba por solicitar ao alcalde que pedise un informe ao Consello Consultivo, que, malia non ser vinculante, si podería clarificar a situación. A negativa a esta solicitude por parte dos integrantes da Mesa provocou a marcha da mesma do edil Gonzalo Muíños, que obviamente e por seguridade xurídica, respecto ao informe da Viceinterventora e, ao tempo, non poñer paos na roda para acadar unha solución, xa non votou.
"Compostela Aberta é moi dado a poñerse medallas cando as cousas saen ben e a repartir as culpas cando non", dixo o voceiro socialista, que lembrou que CA decidiu ao inicio do mandato gobernar en solitario e, polo tanto, debe ser quen resolva os problemas que, ademais, é o que os xenera.
De feito, o grupo municipal socialista vai presentar unha pregunta por escrito interesándose polas razóns polas que a Xunta Local de Goberno aprobou os pregos sen ter en conta ninguna das consideracións plantexadas pola Viceinterventora no seu informe, cando semella que o problemas pode estar precisamente en ditos pregos.

ENQUISA
Preguntado ao respecto, Reyes fixo unha valoración da enquisa realizada por Sondaxe e publicada esta fin de semana. Malia subliñar que as enquisas deben tomarse sempre con cautela e avalialas como tendencia e recoñecer non estar satisfeito porque só o estaría no caso de acadar ou rozar a maioría absoluta, o voceiro destacou como datos positivos o crecemento que está a experimentar o Partido Socialista. "Temos un crecemento lento, pero conitnuado", afirmou o edil, que destacou que o PSdeG-PSOE é o que máis sube con respecto ás eleccións do 2015 (un 2,5%) e, se facemos unha comparativa coa enquisa de Sondaxe de hai un ano, dita suba chega ao 6%. "O quinto concelleiro chama á nosa porta", asegurou Reyes, que fixo fincapé na porcentaxe de voto que obterían os socialistas entre aquelas persoas que se abstiveron en 2015, ou que se gañaría en intención de voto en zonas como parte do Ensanche, o casco histórico sur, Conxo e Vidán.
Con respecto á valoración do propio voceiro, manifestou que se reduciu a distancia que tiña co alcalde e que, por fin e malia ter o grao de coñecemento menor -iso si, hai que lembrar que Reyes partía nos comicios cun nivel de coñecemento que non chegada ao 20% e agora supera o 60%- xa está mellor valorado que o popular Agustín Hernández.
"Queda claro que o PSdeG ten un proxecto que o pon enriba da mesa con propostas sempre que ten oportunidade", manifestou Reyes, que engadiu que "cando tivemos o problema do cuarto concelleiro, dixemos que a única competencia que tiña este grupo para solventar o problema era redobrar esforzos, e a xente constatou que estamos a traballar máis que nunca".

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org