Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

ROLDA DE PRENSA

O grupo socialista presentará unha proposición denunciando a contaminación do Sar e reclamando explicacións sobre investimentos e a EDAR

30/05/2018

O voceiro socialista, Paco Reyes, participou esta mañá nunha visita co secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, o alcalde de Ames, José Miñones, e representantes institucionais dos concellos da comarca de Santiago, por un tramo do río Sar ao seu paso por Bertamiráns. Neste acto, os responsables socialistas anunciaron a presentación dunha iniciativa ante o Parlamento de Galicia e os diferentes plenos dos municipios incluidos nesta conca hidrográfica denunciando a contaminación do río, reclamando explicacións sobre o que se ten feito ao respecto ata o momento e sobre o que se levou a cabo co canon da auga, ademais de urxir unha solución para a EDAR de Santiago. No caso de Santiago, será unha proposición a que o grupo socialista presente para o pleno ordinario de xuño.
Paco Reyes lembrou que se trata dun problema especialmente importante, xa que Santiago de Compostela ten unha responsabilidade porque se está a contaminar o río Sar e, a través do río Sar, se está a contaminar a ría de Vilagarcía. Segundo lembrou, "estamos pendentes dunha solución, solución que se enmarca en dúas inaccións: a do goberno de Compostela Aberta, que durante tres anos non fixo nada e finalmente en tempo de desconto presentou dunha nova tecnoloxía para ampliar a depuradora en Silvouta, e por outra banda, a do PP e as administracións nas que goberna, que están absolutamente enrocadas en que a solución ten que ser O Souto, baseado nun estudo de impacto ambiental recurrido e admitido a trámite polo TSXG".
Así, o grupo municipal socialista o que urxe é un calendario definitivo que permita unha ubicación que non sexa O Souto coa mellor das tecnoloxías e que non supoña a perda dos recursos comunitarios. "Santiago non pode achegar o que as administracións gobernadas polo PP pretenden, un 20% e todas as desviacións que se produzan", manifestou o concelleiro, cualificando isto como "inaceptable", senón que considera que a aportación municipal debe ser similar á que fixo Ourense ou, como moito, a da EDAR de Vigo.
"Xa perdimos uns fondos comunitarios e non podemos perder outros", dixo.

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org