Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

ROLDA DE PRENSA

O grupo socialista presenta unha moción sobre a terminal de Lavacolla reclamando as rutas pendentes, a baixada de taxas e as lanzadeiras dende todas as cidades galegas

07/06/2018

O voceiro socialista, Paco Reyes, presentou esta mañá en rolda de prensa unha moción a debater no vindeiro pleno pedindo, unha vez que se ten celebrado o pasado 31 de maio unha reunión do Comité de Rutas, o cumprimento duns acordos que se remontan á constitución deste organismo en 2014. Dun xeito específico e relativo á terminal de Lavacolla, o edil reclamou que se implanten as rutas acordadas -eran un total de 22, moitas delas aínda pendentes-, que se estude a baixada de taxas por parte de Aena -superiores ás do resto dos aeroportos galegos- e que a Xunta conceda xa as licenzas para que Lavacolla estea conectado a través de lanzadeiras coas grandes cidades galegas, como acontece co aeroporto luso de Sá Carneiro.
Reyes asegurou que, en contra do manifestado polo alcalde, Martiño Noriega, pedindo outro comité de coordinación dos aeroportos galegos, "non ten sentido constituir outro organismo", senón que o que se ten que facer e poñer a funcionar de verdade o que xa existe e cumprir os acordos.
Con respecto a Santiago, o concelleiro socialista preguntou "onde estás eses 22 destinos internacionais acordados en 2014" e "que se fixo para implantalos". Caracas, Manchester, Estocolmo, Montevideo, Nantes ou Nova Iork son algunhas destas rutas que seguen pendentes dende hai xa catro anos.
A este respecto, lembrou que non só se trata de implantar estes destinos, senón de mellorar as conexións, fundamentalmente a través da T4 de Madrid e de Barcelona -mantendo os vóos de primeira hora da mañá e incrementando frecuencias entre as 10 e 11-, para incrementar os destinos internacionais. Reyes citou os casos de Valencia ou A Coruña, que levando a cabo estes cambios acadaron máis de 200 e de 100 conexións máis, respectivamente, á semana.
Esta é precisamente unha das cuestións que plantexa a moción que someterá a debate e votación o grupo municipal socialista o vinceiro pleno ordinario previsto para o 21 de xuño, que tamén incluirá unha solicitude a someter a consideración nese Comité de Rutas dirixida a estudar e reducir as taxas fixadas por Aena. Ademais de ser case un 40% superiores ás de Alvedro e Peinador, Reyes subliñou que resulta necesario ter a autonomía e capacidade para rebaixalas polo menos nun 10% -como, dixo, así se lle permitiu ao aeroporto de Palma de Mallorca- durante os meses de baixa ocupación turística.
Finalmente, a moción inclúe un punto instando, de novo, á Xunta a conceder as licenzas para conectar Lavacolla co resto de cidades galegas, comunicación que xa ten dende hai anos a terminal de Oporto de Sá Carneiro.
Deste xeito, destacou o voceiro, Lavacolla poderá ser verdadeiramente un aeroporto competitivo e o referente de todo o Norte de España, obxectivo para os socialistas composteláns. Mentres, engadiu, a terminal segue arroxando datos que non van nesa liña, como os de abril, que rexistran unha baixada tanto en pasaxeiros do 4,3% con respecto ao ano pasado, como de operación, con 6,6% menos. Pola contra, A Coruña e Vigo creceron nese período, cun subidas do 10% e 9% no primeiro dos casos, e do 9% e o 4,6% no segundo.
Por outra banda, Paco Reyes aproveitou para respostar algunhas declaracións realizadas por diferentes responsables políticos sobre este Comité de Rutas. En primeiro lugar, coincideu co alcalde no referido ao feito de que non sexa o Concello o que teña que asumir a subvención de liñas, mais puntualizou o socialista que debe ser asumido por Prómoción de Turismo da Xunta a que o faga en exclusiva, e non incluir ás Deputacións. "Santiago é a porta de entrada de turismo para toda Galicia", dixo Reyes, argumentando as súas palabras, polo que "o incremento de liñas supón un beneficio para Galicia e non só para Santiago.
Sobre as declaracións da vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín, reclamando unha especialización de cada terminal galega, o concelleiro do PSdeG defendeu que Lavacolla non só debe ser a que lidere o tráfico de pasaxeiros, senón tamén o de carga -na actualidade ten o 70% do total-. "Temos o mellor aeroporto de Galicia e tamén o de todo o norte de España, polo que temos que aspirar a ser o referente de toda esta zona", afirmou.
Tamén amosou Reyes a súa postura sobre a petición do alcalde de Vigo, Abel Caballeiro, de que cada terminal teña autonomía. Nese caso, dixo o edil, "que nos dean as ferramentas necesarias para poder facelo".

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org