Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

NOTA DE PRENSA

O grupo socialista leva a pleno unhas preguntas sobre unhas serie de queixas graves relativas ao servizo de axuda a domicilio

08/06/2018

O servizo de atención domiciliaria a persoas dependentes é un dos temas nos que máis se ten preocupado o grupo municipal socialista ao longo do presente mandato. Dende que se detectaron os primeiros problemas coa lista de espera e a contratación deste servizo -un dos máis importantes dos que, a xuízo dos socialistas, presta o Concello-, o PSdeG leva denunciando os moitos problemas existentes e reclamando solucións.
Precisamente estes días teñen chegado ao grupo unha serie de queixas que afectan a cuestións de relevancia, como son os contratos e o número de horas a realizar polas empregadas, así como acerca do sistema elixido para fichar por parte das mesmas. Para coñecer o alcance destas protestas e as medidas que, no seu caso, pensa levar a cabo o goberno local para corrixir estas situacións, a concelleira socialista Mila Castro vén de rexistrar unhas preguntas para a súa resposta oral no pleno deste mes de xuño.
En primeiro lugar, a concelleira quere saber se é certo que a empresa Eulen -unha das dúas que presta o servizo- está a ofrecer contratos para as empregadas que tiñan 20, para na realidade ter que traballar entre 30 e 35 horas semanais. Nesta liña, Castro pregunta se, por parte do Concello, existe algún tipo de control sobre os contratos.
Así mesmo, a edila plantexa a veracidade doutra queixa que ten chegado ao grupo municipal socialista: que se está a obrigar a usuarios e usarias de atención domiciliaria a ter teléfono e utilizalo para que as traballadoras fichen, "de modo que cada empregada tería que chamar ao chegar á vivenda na que presta o servizo á empresa para informar de que xa se atopa no seu posto de traballo". "Segundo nos teñen trasladado, non só acontece isto, senón que, polo visto, se lle advirte ás persoas beneficiarias deste servizo que o poden perder se non deixan os seus teléfonos para fichar", manifestou Mila Castro, que remata a batería de preguntas presentadas a pleno que "de ser certas estas informacións, queremos saber que valoración fai das mesmas o grupo de goberno e se pensa tomar algunha decisión ou medida ao respecto".
Estas preguntas serán respostadas por parte do goberno compostelán na sesión plenaria de xuño, prevista para o día 21.

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org