Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

ROLDA DE PRENSA

O grupo socialista leva ao pleno de mañá unha proposición solicitando o desenvolvemento de accesos viarios nos parques industriais de Costa Vella e a Sionlla

18/07/2018

O voceiro socialista, Paco Reyes, presentou esta mañá unha proposición instando ás administracións supramunicipais (Administración do Estado e Xunta de Galicia) para a impulsar o desenvolvemento e a execución dunha serie de actuacións que permitan a finalización dos accesos estruturantes principais aos parques empresariais de Costa Vella e da Sionlla. Nomeadamente, o remate do tramo de acceso pendente ao parque empresarial da Sionlla e previsto no seu proxecto sectorial no ámbito de reserva de solo establecido para tal finalidade no planeamento de detalle do polígono urbanístico SUNP 37 3º; a execución da conexión de dito acceso coa estrada nacional N 550 no lugar de Formarís mediante a solución construtiva que se acorde co Ministerio de Fomento e facilite no futuro a continuidade do cinto orbital e o acceso aos polígonos urbanísticos SUNP 37 3º e SUNP 38; e a construción do novo enlace norte da autoestrada AP 9 proxectado polo Ministerio de Fomento e liberación do peaxe no tramo cara a zona urbana de Santiago de Compostela.
Segundo explicou Reyes, o deseño do enlace polo Ministerio de Fomento (Periférico) foi previsto no momento da súa construción como punto de acceso dende o Periférico ao recinto feiral de Amio e aos viarios locais existentes. Durante o desenvolvemento do parque empresarial de Costa Vella polo Concello a través de EMUVISSA, foi parcialmente reordenado para permitir a posta en funcionamento do parque coa premisa de ser unha solución provisional ata a construción dos accesos estruturantes principais do parque empresarial de A Sionlla por parte da Xunta de Galicia a través de XESTUR A Coruña.
Con todo, e así reza a proposición que se debatirá e someterá a consideración dos grupos da corporación no pleno ordinario de mañá, estes accesos principais estruturantes non se atopan executados na súa totalidade e non son funcionalmente operativos, o que provoca que a maior parte dos tráficos utilicen principalmente o enlace do Periférico e secundariamente a Rúa do Pais Vasco. A finalización dos accesos estruturantes principais dos parques empresarias resulta imprescindible, como subliñou o voceiro socialista, tanto para evitar o colapso do enlace co Periférico como para mellorar o atractivo do solo industrial vacante para novas actividades empresarias.
Por iso, e dado que a solúción dada por Fomento a finais de 2017 para a reordenaciónudas rotondas interiores que forman parte do enlace 1A da SC-20 (Periférico) é provisional e a curto prazo, xa que a circulación dentro do enlace segue a colapsarse e continúan a incrementarse os espazos comerciais na zona, o grupo socialista reclama os accesos viarios estruturantes anteriormente citados.
Para Paco Reyes, estas actuacíóns pendentes mellorarán moito a situación do tráfico, incrementarán a demanda de empresas nas parcelas baleiras pola mellora das comunicacións e acceso ás mesmas, ao tempo que contribuirá a consolidar o proxecto de cidade.

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org