Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

ROLDA DE PRENSA

Muíños critica a Compostela Aberta por non ter posto en marcha un operativo de seguridade e tráfico no rali do Botafumeiro

27/08/2018

O concelleiro socialista Gonzalo Muíños compareceu esta mañá en rolda de prensa para denunciar que o goberno local, e nomeadamente o alcalde e o concelleiro de Tráfico e Seguridade Cidadá, non organizara un dispositivo para regular o tráfico en Porta Fexeira durante o rali do Botafumeiro, na noite do sábado. O edil denunciou que non houbera nin un só efectivo de Policía Local nin Protección Civil, polo que tiveron que ser dúas persoas da organización, a Escudería Santiago, as que regularon o tráfico, co conseguinte perigo para ambos voluntarios.
O edil afirmou que o grupo socialista sempre apoiou a celebración deste tipo de probas que son positivas para o conxunto da cidade e, de feito, a recuperación desta proba formaba parte do programa electoral do PSdeG-PSOE tanto en 2011 como 2015. Ademais, eximiu á organización do rali, a Escudería Santiago, de calquera tipo de responsabilidade, apuntando que "bastante fixeron con poñer todos os medios para evitar problemas".
"O que non é normal é que non houbera ninguén, nin da Policía Local nin de Protección Civil para regular o tráfico durante o paso do rali", dixo o edil, que destacou que, ademais, había moito tráfico ao tratarse dun sábado pola noite.
Ademais dos problemas de tráfico, o concelleiro alertou do problema de seguridade xerado para os propios voluntarios que puxo a organización para regular o tránsito de vehículos e dos coches participantes no rali. Tamén indicou que dende o grupo socialista chamaron á Policía Local, que informou de que unicamente había unha patrulla, polo que se acudía a Porta Faxeira, quedaría a cidade sen axentes.
Precisamente a falla de efectivos policiais é un problema que vén denunciando a formación socialista dende hai tempo, aínda que, como manifestou Muíños, "semalla que ao alcalde non lle importa".
Para o concelleiro, os responsables do acontecido na noite de sábado son dous. En primeiro lugar, o rexedor, como máximo responsable da Policía Local, e o concelleiro de Tráfico e Seguridade Cidadá. Xan Duro, por non ter organizado o dispositivo, a pesar das reunións mantidas e da cantidade achegada polo Concello para o desenvolvemento da proba (30.000 euros).

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org