Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

ROLDA DE PRENSA

Paco Reyes establece maio de 2019 como data de remate do seu compromiso coa política municipal

03/09/2018

Era unha decisión que tiña tomada hai moito tempo e comunicada aos responsable do partido e compañeiros de grupo, pero hoxe, coincidindo co inicio do curso político, decidiu comunicalo aos medios de comunicación e, polo tanto, ao conxunto da veciñanza. Paco Reyes, voceiro do PSdeG e candidato en 2015 á Alcaldía de Santiago, anunciaba esta mañá que maio de 2019 será a data de caducidade do seu compromiso coa política municipal e que, a partires de entón, seguirá a traballar no proxecto socialista dende a súa militancia, pero neste caso dende a base.
Reyes comunicou esta decisión, que tiña tomada despois das eleccións municipais -explicou que o seus prazos pasaban por un máximo de oito anos na Alcaldía e de doce sumando os catro na oposición- aos seus compañeiros de partido Mila Castro e Gonzalo Muíños, a comezo de 2016 -tamén, por amistade, a Bugallo-, e cando foron elixidos pola militancia, ao secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, e provincial, Valentín González Formoso.
E foron os responsables socialistas os que lle pediron que agardara un tempo antes de anunciar a decisión; extremo que "non só acatei por disciplina, senón porque tamén consideraba que debía facelo". Hoxe, unha vez que xa se deu por iniciado o curso política e toda vez que o propio Caballero dixo que as candidaturas quedarían resoltas entre setembro e outubro, Paco Reyes considerou que sería a data axeitada para comunicar publicamente a decisión de rematar o seu compromiso coa política municipal en maio de 2019. Iso si, desta comparecencia tamén foron informadas as mesmas persoas ás que lle trasladara a súa decisión persoal.
Lamentando non ter sido quen de obter un mellor resultado nos comicios de 2015 malia estar convencido de que o mellor proxecto para Compostela era, e é, o socialista, Paco Reyes asegurou que seguirá traballando estes meses -e despois como militante de base- para que a persoa que sexa candidata ou candidato acade "o que non fun quen de acadar eu"; isto é, a Alcaldía.
E, para iso, conta con dous concelleiros, Mila Castro e Gonzalo Muíños, cos que, segundo afirmou, é unha "honra" traballar e aos que lles agradece a súa lealtade, compromiso e especial capacidade para a política municipal. "Sen eles sería imposible ter feito este labor de oposición", afirmou o edil, que tamén quixo valorar o gran coñecemento da cidade tanto de Muíños como de Castro.
E que se leva Reyes destes anos? Pois, aínda que nestes meses que restan ata as eleccións seguirá traballando arreo, e con responsabilidade, co resto do grupo na fiscalización e control do goberno -sempre cun marcado ton propositivo-, o voceiro destacou a honra que supuxo, como funcionario por vocación, que a militancia primeiro e a cidadanía despois, o elixiran para ser representante público.

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org