Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

ROLDA DE PRENSA

O grupo socialista reclama, unha vez máis, a convocatoria do Consello Económico e Social para avaliar a situación das infraestruturas estratéxicas de Santiago

08/10/2018

O grupo municipal socialista, a través do seu voceiro, Paco Reyes, vén de reclamar a Compostela Aberta a convocatoria do Consello Económico e Social da cidade, que leva dende o mandato do Partido Popular sen desenvolverse. Para Reyes, isto evidencia que "CA está a levar a mesma folla de ruta que o PP", xa que está a abrazar os proxectos da agrupación conservadora e tampouco está a reunir a organismos de participación da cidade. O obxectivo desta reclamación, que os socialistas levan anos realizando, vén motivada agora despois de coñecer os investimentos que se van materializar nas intermodais de Vigo -139 millóns-. e Ourense -146-, fronte o que vai supor o que os socialistas denominan intercambiador: 41,68 millóns de euros.
Paco Reyes quixo facer unha reflexión sobre a situación na que se atopan os diferentes proxectos de intermodais en Galicia, a raíz das recentes informacións relativas á de Ourense. Como lembrou, na cidade das Burgas vaise executar unha adaptación do que foi o proxecto inicial de Norman Foster, cun investimento total de 146 millóns de euros, e en Vigo, con todos os custes, o gasto será de case 140 millóns. Fronte a isto, como destacou, está Santiago, "a que debería ser a estación de referencia do AVE para toda Galicia", que vai supoñer un desembolso de 41,68 millóns. "Non vai ser nin a metade de Ourense ou Vigo", dixo o concelleiro, que lembrou que o proxecto compostelán é unha "curtrez" do PP que foi abrazado "de forma cómplice" por Compostela Aberta.
"O que temos é un intercambiador", subliñou Reyes, que engadiu que esta palabra non a usa unicamente o grupo socialista, senón que tamén a empregan os propios técnicos municipais nos seus informes.
A non convocatoria do Consello Económico e Social é, para o edil socialista, un exemplo claro de que Compostela Aberta está a seguir a mesma folla de ruta do PP, xa que non foi convocado nin nos catro anos de goberno popular nin nestes máis de tres de CA.
Para Reyes, resulta de especial relevancia a celebración deste consello para avaliar as infraestruturas estratéxicas de Santiago. Por iso, unha vez máis o grupo socialista solicita dita convocatoria para plantexar a situación do intercambiador e comparalo con Ourense e Vigo. "Estamos a ver quen ten peso político en Galicia", dixo.

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org