Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

ROLDA DE PRENSA

O grupo socialista pide a adhesión de Santiago de Compostela á Rede de Cidades Creativas da Unesco no ámbito do Cinema

18/10/2018

O voceiro socialista, Paco Reyes, presentaba esta mañá a proposición que presentará e someterá a votación esta tarde na sesión plenaria do mes de outubro. A través da mesma, os socialistas instan ao Concello a solicitar á Xunta, Deputación, USC, Unesco en Galicia, así como a outros axentes vencellados coa industria cinematográfica e cultura, a súa adhesión á candidatura de Santiago de Compostela para formar parte da Rede de Cidades Creativas no ámbito do Cinema. Ademais, piden que se elabore o dossier e a documentación necesaria para formalizar dita candidatura de "Cidade Creativa do Cinema", en coordinación coas instituticións pertinentes, co obxectivo de incluir a proposta na convocatoria de 2019.
Como explicou Reyes, a Rede de Cidades Creativas da Unesco creouse en 2004 para promover a cooperación entre as cidades que identifican a creatividade como factor estratéxico de desenvolvemento urbano sustentable, de integración social e vida cultura. Esta rede está integrada por 180 cidades que traballan xuntas para posicionar a creatividade e as industrias culturais no centro do seu plan de desenvolvemento local e cooperar activamente a nivel internacional na materia, cubrindo sete ámbitos: artesanía e artes populares, artes dixitais, cinema, deseño, gastronomía, literatura e música.
O concelleiro, ademais, lembrou que España conta con seis cidades creativas, pero ningunha vencellada ao ámbito do cinema, polo que considera que resulta unha oportunidade para Santiago o poder formar parte de dita rede.
Sendo, pois, socio privilexiado da Unesco, Santiago podería beneficiarse do importante recoñecemento internacional que avala esta inclusión na Rede e de axudas que concede, por exemplo, a UE -a súa inclusión sería un plus para acadalas-. Reyes subliñou a relevante e inxente actividade artística do cinema na nosa cidade -con dous festivais de recoñecido prestixio, como son Cineuropa e Curtocircuito- e o actual atractivo para rodaxes nacionais e internacionais de películas, series, vídeos musicais e anuncios, ademais de por de manfiesto as posibilidades creativas e de innovación da nosa contorna, que levou a establecer unha bonificación fiscal sobre as taxas de uso do espazo público como estudo cinematográfico e televisivo.
Reyes confía en que esta proposición, que unicamente traería beneficios para Compostela, sexa ben acollida por todos os grupos municipais, e polo tanto sexa aprobada.

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org