Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

ROLDA DE PRENSA

O PSdeG presenta emendas aos orzamentos da Xunta por un importe superior aos 18 millóns para paliar o que cualifican como "década perdida" para Santiago

25/10/2018

Os voceiros socialistas parlamentario e municipal, Xoaquín Fernández Leiceaga e Paco Reyes, respectivamente, presentaron esta mañá en rolda de prensa as emendas que presentarán aos orzamentos da Xunta para 2019 en relación a Santiago de Compostela. Leiceaga e Reyes coincidiron á hora de cualificar estas contas como "pobres e decepcionantes", ao tempo que destacaron que poñen a guinda ao que consideran que será unha "década perdida" para a cidade por culpa do Partido Popular.
As emendas que se incorporarán á proposta socialista fronte os orzamentos do PP da Xunta para o vindeiro ano 2019 inclúen actuacións que elevarían o montante que se adica a Santiago en algo máis de 18 millóns de euros. Deste xeito, de aceptarse, a partida que recibiría Compostela superaría os 43 millóns.
E, como subliñou Paco Reyes, as propostas que se poñen enriba da mesa son as que necesita Santiago, as que os socialistas levan reivindicando nos últimos anos e que o PP non foi quen de desenvolver. De feito, Fernández Leiceaga, nesta liña, asegurou que a única intervención importante realizada pola Xunta en todos estes anos é a variante de Aradas, e que "xa tiña que estar feita hai cinco ou seia anos" e "resulta insuficiente para unha cidade como Santiago". Tamén lembrou que outras partidas, como a adicada á nova Facultade de Medicina, ademais de non ser gastadas teñen baixado considerablemente. Así, neste caso dos cinco millóns consignados para este ano, se ten pasado a 1,5 de 2019 -e os cinco, claro, sen investir-.
Para o voceiro parlamentario, tamén é significativo que moitas das partidas que se atribúen a Santiago son para as dependencias que ten a propia Xunta en Compostela, "polo que non son gastos para a cidadanía".
"E o que salva estas contas é o intercambiador, que non intermodal, que leva unha importante partida malia ser para nós un proxecto claramente insuficiente", dixo Leiceaga.
Pola súa banda, Paco Reyes enumerou as emendas que vai presentar o Partido Socialista. A EDAR (4,5 millóns); a capitalidade (de 975.000 euros consigandos pasar a 3,3 millóns); o Consorcio (pasar de 1,3 á catro millóns); o parque comarcal de bombeiros (600.000 euros); a construcción de vivendas protexidas (un millón); a ampliación do Conservatorio de Música (800.000 euros); a nova Escola Oficial de Idiomas (un millón); o Plan Director do Hospital de Santiago (1,5 millóns); o novo centro de saúde de Conxo (un millón de euros); a escola infantil de Santa Marta (un millón); a residencia de maiores de Fontiñas (1,5 millóns); aparcadoiros disuarios (un millón); instalacións deportivas (un millón); o centro de día no rural do programa Persoas (500.000 euros); e o Xardín Botánico da USC (300.000 euros) completan o grupo de emendas socialistas.

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org