Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

ROLDA DE PRENSA

Paco Reyes denuncia a falla de transparencia de Compostela Aberta, e reclama a aprobación da conta xeral de 2017 e información da execución do orzamento de 2018

05/11/2018

O voceiro socialista, Paco Reyes, criticou esta mañá a falla de transparencia de Compostela Aberta, e preguntouse "onde están as paredes de cristal das que presumía o alcalde Noriega". Nesta ocasión, o concelleiro socialista lamentou que teñan pasado todos os prazos establecidos pola lei sen que se teña aprobado a conta xeral de 2017, e que comezando novembro non se teña recibido información ningunha da liquidación e execución do orzamento de 2018.
Con respecto á conta xeral, Reyes lembrou que os prazos establecían que o 1 de xuño tiña que ser sometida a informe da Comisión de Facenda; a continuación sometida a exposición pública durante quince días, para voltar a Comisión de Facenda para redactar un novo informe, de modo que a 1 de outubro tiña que ser sometida a pleno e, antes do 15, remitida ao Tribunal de Contas. Pero, como asegurou, a realidade é que non se fixo nin o primeiro dos trámites.
"Require polo menos unha explicación do alcalde que se incumpran todas as disposicións legais e que non teña aprobado a conta xeral de 2017, sobre todo cando Compostela Aberta presume de transparencia", dixo o concelleiro socialista.
Pero as críticas do grupo do PSdeG non só se refiren á conta xeral, senón que tamén afectan ao orzamento de 2018. A este respecto, Paco Reyes denunciou que non haxa información ningunha sobre a liquidación e execución, polo menos ata o mes de setembro. "Non está colgado nin o avance do primeiro trimestre nin se ten dado conta ao pleno", afirmou o voceiro, que subliñou que malia contar cunha dirección de área específica, non existe información sobre, por exemplo, a fiscalización de contratos, se envían a Madrid os niveis de execución -obriga trimestral-, se fan reservas de crédito ou cal é o volume de de orzamento executado ata o momento. Por todo iso, o grupo reclama os certificados e información necesaria e relativa ao actual documento económico.
"Resulta incrible que teña que ser un membro da oposición o que, no derradeiro ano de mandato, teña que pedir a conta xeral de 2017 e información da execución do orzamento de 2018", dixo Reyes.

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org