Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

ROLDA DE PRENSA

O grupo socialista leva a pleno unha moción reclamando unha serie de actuacións de mellora na parroquia de Figueiras

12/11/2018

O grupo municipal socialista levará ao pleno deste xoves unha moción instando ao grupo de goberno a executar unha serie de actuacións na parroquia de Figueiras. O concelleiro Gonzalo Muíños, que estivo nesta zona hai uns días, presentou aos medios de comunicación a iniciativa, que pone de manifesto que Figueiras, como o resto de zona rural, arrastra unha desatención manifesta en moitos dos seus espazos públicos.
Como destacou Muíños, esta parroquia presenta unha serie de deficiencias nas súas estradas e camiños, que afectan, sobre todo, a unha falla de servizos como o de alumeado público en determinados tramos, ou de mantemento de firme ou limpeza de cunetas, de forma xeral.
Así, indicou que os veciños e veciñas de Figueiras levan anos reclamando a colocación de puntos de luz no tramo comprendido entre o Alto de Codesedas e a igrexa; unha estrada de titularidade provincial que fora hai anos obxecto dunha intervención para a instalación de beirarrúas, pero que, malia dispor dos enganches necesarios, non conta aínda con farolas. A actuación, cuantificada en arredor de 50.000 euros, é de competencia municipal, pero a día de hoxe non ten sido realizada e, como reclaman os veciños e veciñas desta parroquia é necesaria posto que se trata dun tramo que conecta con equipamentos públicos e espazos sociocomunitarios, como son a igrexa, o campo da festa ou as instalacións deportivas.
Tamén a colocación de puntos de luz, como subliñou o concelleiro do grupo municipal socialista, resulta necesario en Sulacasa, ademais da mellora do firme en todo este tramo que vai dende a igrexa. E a mellora e o mantemento do firme doutras pistas, como a de Carballal a Figueiras -que ten moitos rebacheos, na actualidade en moi mal estado- constitúe unha xusta demanda veciñal, que denuncia, así mesmo, que se trata de pistas moi transitadas.
Outro exemplo da desatención de Figueiras está en Moas de Abaixo, onde resulta necesario executar a limpeza de cunetas, mellorar o firme e, dun xeito especial, ampliar a calzada nas curvas para evitar accidentes. De feito, nunha xa se ten actuado nesta dirección, polo que o edil reclamou actuacións similares no resto de curvas, nas que xa se produciu algunha saída de vía.

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org