Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

ROLDA DE PRENSA

O grupo socialista reclama información sobre a xestión dos centros sociocultruais, e denuncia o acontecido con tres traballadoras despedidas que foron hai quince días a xuízo contra o Concello

20/11/2018

O voceiro socialista, Paco Reyes, compareceu esta mañá en rolda de prensa para denunciar, unha vez máis, a xestión dos centros socioculturais e, de forma específica, reclamar información a Compostela Aberta sobre o recente xuízo a tres traballadoras despedidas o pasado mes de maio, e solicitar de novo acceso ao expediente aberto ao xefe de servizo destes centros, que malia contar cun informe de conclusión, non foi pechado polo alcalde, "que permitiu que prescribira e, polo tanto, da opción que sexa de novo aberto". Tamén preguntou ao goberno local se ten respondido ao comité de Ferrovial, que hai cinco meses presentou un escrito denunciando unha serie de presuntas irregularidades na xestión dos centros, que son as que levaron a traballadores e usuarios a mobilizarse. A este respecto, Reyes amosou o total apoio e solidariedade do seu grupo a estas reclamacións.
O concelleiro socialista explicou que hai arredor de quince días celebrouse un xuízo de tres extraballadoras dos centros socioculturais (15, 11 e tres anos, respectivamente), que denunciaran ao Concello en maio de 2017 por cesión ilegal e o 30 de maio de 2018 foron despedidas, coa posterior demanda por despido nulo. Finalmente, o xuízo por cesión ilegal non se celebrou, xa que o Concello ao chegar deu a razón á reclamación das tres exempregadas, que pasarán a formar parte, pois, da plantilla municipal.
Ante isto, Paco Reyes preguntou a CA polo que aconteceu durante este ano e medio, xa que se o goberno local consideraba que elas tiñan razón, "non entendemos por que non modificaron a RPT". "Se existía informe de cesión ilegal, non se fixo nada para solventar a situación, e mesmo as despiden un ano despois, non estamos ante unha posible presunta prevaricación?", cuestionou o edil, que tamén reclamou, unha vez máis, acceder ao expediente do xefe de servizo dos centros socioculturais, cesado por CA en agosto de 2017.
A este respecto, Reyes lembrou que mesmo se presentara unha denuncia ante a Fiscalía, que "ata onde nós sabemos, foi arquivada". Tamén, segundo as informacións que ten o grupo socialista, o expediente ten informe de conclusión, "mais non foi pechado polo alcalde, que permitiu que prescribira". O concelleiro destacou que o ex xefe de servizo foi candidato do PSOE á Alcaldía doutro Concello e, sobre esta cuestión, preguntouse se "temos que pensar niso como razón" para que non se teña pechado o expediente. "penso que xa chegou o tempo de ter que dar explicacións", asegurou o voceiro socialista.

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org