Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

ROLDA DE PRENSA

O grupo socialista pide a apertura dun expediente a Ferrovial e presenta o testemuño dun extraballador despedido despois de amosar as queixas pola xestión deste servizo público

27/11/2018

O voceiro socialista, Paco Reyes, comparecía esta mañá en rolda de prensa xunto con Rolando Buenavilla, ex traballador do centro sociocultural de Santa Marta -monitor do curso de informática-, despedido pola empresa concesionaria Ferrovial despois de denunciar a través dun escrito os numerosos problemas de xestión e control das actividades. O concelleiro do PSdeG lembrou que este é un exemplo máis das moitas presuntas irregularidades que existen coa prestación deste servizo e das que o Concello, como último -e máximo- responsable porque é o que contrata esta xestión, debe facerse cargo, abrindo o correspondente expediente es respostando a todas as preguntas formuladas nestas semanas polo grupo socialista.
A xuízo de Paco Reyes, non existe por parte do goberno local un "control axeitado", nin seguimento nin fiscalización, dun servizo público que está a xestionar unha empresa que, dende un primeiro momento, ten tomado unha serie de decisións moi cuestionables, De feito, como destacou o edil, nos propios pregos xa se mudaba a esencia dos cursos, premiando as ofertas que non se centraran na infancia e na terceira idade cando, paradoxicamente, son estes sectores poboacionais os principais usuarios dos centros.
E esta circunstancia, ademais, no caso da informática, que tiña un obxectivo fundamental de rachar coa brecha dixital, supoñía un problema engadido a outros, como a falla de coordinación e retraso no inicio das actividades, que motivou a presentación dun escrito a Farrovial a través do seu comité de empresa asinado polos monitores desta actividade. Pois, como denunciou Reyes, o que redactou esta carta foi despedido aproveitando unha argucia legal.
E este ex empregado, Rolando Buenavilla, acompañaba a Paco Reyes nesta rolda de prensa para denunciar unha situación que, como destacou, non só está a afectar a traballadores dos centros socioculturais, senón tamén a calidade dun servizo con moito calado nos barrios composteláns.
Para Buenavilla, a orixe do porblema está na propia oferta que realizou Ferrovial no proceso de licitación, e que gañou, como dixo, porque foi á baixa malia ser moi ambiciosa. E, segundo asegurou, "cando veron que era inviable poñer ese proxecto en marcha axustándose ao orzamento, decidiron recortar no capítulo máis doloroso, o de persoal". A eliminación dun plus de arredor de 140 euros polo convenio sectorial; a reducción na duración dos contratos -de setembro a xullo pasaron a contratos de outubro a xuño-; a falla de coordinación e de trasnferencia de información co xestor dos centros durante a concesión de Arasti; ou o retraso na programación e diversos problemas de xestión, foron motivo para que, polo menos os monitores dos cursos de informática remitiran un documento a Ferrovial, a través do comité de empresa.
"Eu redacteino, explicando os problemas existentes, e mesmo sentei co xestor de Ferrovial para abordar estas cuestións", dixo Buenavilla, que asegurou que "ese foi o motivo do meu despido". "Ferrovial utilizou un recorso legal -unha cláusula que afirma que lle obrigaron a asinar e que permitía que o despediran despois de preparar a actividade sen impartila- torticero para botarme", dixo o ex empregado, que engadiu que el non ten medo en denunciar esta situación.
Ademais, Rolando Buenavilla lembrou que o Concello, como máximo responsable, debe fiscalizar o servizo e, segundo dixo, non o está a facer. "Non por ter unha concesión, unha empresa pode facer o que lle dea a gana", subliñou o ex empregado de Ferrovial, que puntualizou que "hai mecasnismos políticos, económicos e legais que permiten actuar ao Concello contra a empresa".
Precisamente nesta liña manifestouse o voceiro socialista, que lembrou que Compostela Aberta nin ten aberto aínda un expediente a Ferrovial nin respostado ás moitas preguntas formuladas por escrito. Agardan a comparecencia en comisión, a solicitude deste grupo, da concelleira responsable deste tema, Concha Fernández.

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org