Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

ROLDA DE PRENSA

O grupo socialista reclama a apertura dun expediente a Eulen polo servizo de axuda no fogar e advirte que, de non ser así, pedirá a reprobación de Concha Fernández no pleno de decembro

28/11/2018

A denuncia sobre a prestación dun servizo público foi, de novo, o principal asunto abordado esta mañá en rolda de prensa por parte do voceiro socialista, Paco Reyes. E, nesta ocasión, a atención domiciliaria a persoas dependentes centrou as críticas deste grupo político, despois, como explicou o edil, dunha reunión cun grupo de traballadoras da empresa Eulen celebrada esta semana. Para o concelleiro, que lembrou que a súa formación xa alertou de numerosos problemas durante a xestión de Valoriza, a situación actual é de tal gravidade que, se o grupo de goberno non abre expediente a Eulen, os socialistas pedirán a reprobación da responsable desta área, Concha Fernández, no pleno de decembro.
Para Reyes, a situación do servizo de axuda no fogar non só non ten mellorado coa contratación de Eulen sobre a xestión realizada pola empresa anterior, Valoriza, senón que empeorou sustancialmente. No marco dunha reunión celebrada esta semana con representantes das traballadoras, denunciáronse dous incumprimentos. Por unha banda, o do propio convenio colectivo para Galicia, cunha vulneración, como afirmaron, dos artigos 7, 14, 37, 38 e 49 (que fan referencia a aspectos vencellados co descanso semanal ou as vacacións), e por outra, dos pregos de contratación. A este respecto, Reyes citou asuntos tales como atencións complementarias que terían que prestar e que teñen lista de agarda ou servizos como o de terapia ocupacional que non se están desenvolvendo.
Ademais, o voceiro socialista puxo como exemplo as obrigas sobre o número de auxiliares por usuario, que tendo un máximo e tres, chegaron a pasar ata 14 persoas diferentes; ou a obriga de contar con guindastre con arnés e camas articuladas, pero que "sabemos que a unha persoa lle respostaron ao solicitar unha cama articulada que a pediran á Cruz Vermella".
Ante todas estas denuncias e queixas, o grupo socialista reclama, en primeiro lugar, os informes mensuais e bimensuais que a empresa ten que facer sobre a prestación do servizo, así como a valoración realizada ao respecto por parte dos Servizos Sociais. Así mesmo, reclama de Compostela Aberta a apertura dun expediente para avaliar os presuntos incumprimentos tanto dos pregos como do convenio colectivo. "Nos plenos nos que presentamos diversas iniciativas denunciando a xestión deste servizo, a concelleira sempre pedía que as traballadoras deran un paso adiante e denunciaran a súa situación ante Inspección de Traballo, e agora pensamos que xa non hai excusas posto que sabemos que esa denuncia xa está interposta", asegurou Reyes, que anunciou que de non facelo, pedirán a reprobación da concelleira Concha Fernández no pleno de decembro.
Finalmente, lembrou que precisamente a atención a domicilio foi un dos asuntos prioritarios no acordo do grupo socialista con Compostela Aberta para os orzamentos tanto de 2017 como de 2018.

CONVENIO ADIF
Por outra banda, o concelleiro respostou ás declaracións do alcalde, Martiño Noriega, sobre a cantidade que reclama, presuntamente o ADIF ao Concello polo viaducto de Cornes. Paco Reyes, que adiantou que ten solicitado o acceso ao convenio, lembrou, en primeiro lugar, que "ata donde sabemos, no convenio, que foi asinado por Xerardo Estévez, participou moi activamente, tanto na redacción como nas negociacións, o que é director de área de Urbanismo do alcalde Noriega".
Ademais, para o edil socialista resulta "sorprendente" que Adif reclame sete millóns ao Concello, cando "presuntamente, unhas parcelas que se subastaron son de Adif e foi Adif o que gañou diñeiro". De feito, destacou que unha foi subastada por 2,5 millóns de euros, parcela que se subastou con este goberno municipal e que os socialistas cuestionaron porque optaban pola construcción dun aparcadoiro en superficie.
"Polo tanto, non entendo que en 2018, vinte anos máis tarde, queiran recuperar eses cartos", dixo o voceiro, que instou a CA a poñer enriba da mesa o que gañou Adif na subasta desenvolvida neste mandato.
Ademais, e "entendendo que o alcalde está en precampaña, por moito que diga", considerou "irresponsable" que poña en cuestión a estabilidade económica do Concello por esta presunta débeda con Adif. Así, Paco Reyes destacou a nefasta xestión económica do actual grupo de goberno, con niveis de execución similares aos do PP - o que se traduce en seis e sete millóns de euros sen gastar, en 2016 e 2017, respectivamente-, ou a imposibilidade que investir os remanentes en investimento por incumprir as súas obrigas de pago a proveedores -cunha débeda de 21 millóns e máis de 23 en caixa-. "E imos ver como acaban os xuízos que teñen pendentes, como o da ORA e o guindastre ou a Escola Municipal de Música", subliñou.

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org