Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

ROLDA DE PRENSA

O grupo socialista critica a tramitación da convocatoria das subvencións á cooperación e afirma que foi "tarde, mal e a rastras"

03/12/2018

O voceiro socialista, Paco Reyes, asegurou esta mañá que a convocatoria e todo o proceso vencellado á mesma de subvencións á cooperación correspondente ao presente ano chega "tarde, mal e a rastras". O concelleiro socialista comparecía en rolda de prensa xusto despois da comisión de avaliación destas axudas -celebrada ás dez desta mañá-, que os socialistas apoian e consideran de obrigado cumprimento dentro das políticas de axuda á cooperación e dentro do pacto contra a pobreza, mais non xestionadas como o está a facer Compostela Aberta.
Por outra banda, Reyes quixo facer unha "reflexión" sobre as recentes manifestacións do alcalde Noriega ao respecto das críticas do voceiro socialista á xestión municipal na xestión de axuda a domicilio, asegurando que lle causou sorpresa ver ao rexedor "nervioso" e "sen máis argumentos que un intento de descalificación persoal", o que "non foi moi habitual nestes anos".
Pero, sen dúbida, o que máis chamou a atención a Reyes das declaracións de Martiño Noriega é que "me criticara por facer o meu traballo". "Son concelleiro porque así o decidiron nas urnas as e os cidadáns, e son voceiro do meu grupo porque o votaron os meus compañeiros", lembrou o edil, que engadiu que "teño un mandato popular que é o de fiscalizar a accíón de goberno, o que é unha obriga presente que remata o 26 de maio". Na mesma liña, apuntou que "cando di que se eu traballo para o inglés, refírese á cidadanía de Santiago como o inglés, ou é o que en realidade pensa sobre si mesmo e só entende que se traballe en política polo único obxectivo de sacar rédito persoal?".

AXUDAS Á COOPERACIÓN
A rolda de prensa de Paco Reyes comezaba cunha crítica ao proceso de tramitación e convocatoria das subvencións á cooperación e o desenvolvemento, que para o grupo socialista veñen "tarde, mal e a rastras".
A este respecto, o edil asegurou que "mal, porque non ten xustificación ningunha que se teña aprobado a convocatoria o 31 de agosto, a convocatoria o 28 de outubro e a avaliación esta mañá", moito máis tarde que o ano pasado, que era o primeiro e máis complicado precisamente por iso.
"Mal", dixo, porque hai diferenzas entre as bases que se remitiron aos grupos e a base nacional de subvencións, ademais de erros considerables nas propostas de resolución -incluso en actuacións para as que, por esas diferenzas, non teñen partida orzamentaria.
E "a rastras" porque, como explicou o concelleiro, ata esta mañá a oposición non levou os deberes feitos porque o goberno non lle facilitou a avaliación das diferentes subvencións.
Ademais, o socialista amosou a súa sorpresa polo gasto de 15.000 euros na contratación dunha empresa externa para realizar estas avaliacións, o que supón algo máis do 15% do orzamento para esa convocatoria. Para Reyes, é unha mágoa que se teña gastado esta partida, que se podía ter investido noutros proxectos de cooperación, e, no caso de argumentar falla de medios, tramitalo a través do Fondo Galego de Solidariedade.
Finalmente, Paco Reyes anunciou que agardan que a finais de Nadal reciban información dos proxectos do pasado ano, preguntando sobre esta cuestión quen foi a eses países a valiar o cumprimento do proxecto.
Para os socialistas, os problemas de xestión de Compostela Aberta son evidentes mesmo en asuntos como estes, de especial sensibilidade.

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org