Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

ROLDA DE PRENSA

Reyes advirte a CA que a negativa a negociar os ingresos e o incumprimento dos acordos nos investimentos serán clave na avaliación dos orzamentos, entregados esta mañá

11/12/2018

O voceiro socialista, Paco Reyes, asegurou que o seu grupo terá moi en conta á hora de avaliar a proposta de orzamentos (entregada esta mañá) a negativa de Compostela Aberta a negociar o capítulo de ingresos -nada máis e nada menos que a metade do documento económico- e o incumprimento dos acordos cos socialistas nos investimentos, en consonancia co baixísimo nivel de execución en termos xerais.
"Isto marcará a avaliación socialista", dixo Reyes, que apuntou como áreas de especial importancia a política social -"a de verdade", puntualizou o concelleiro, e non a que ten lista de espera en axuda a domicilio ou centos de persoas agardando por unha primeira atención social-, o fomento de emprego -Reyes afirmou que non é asumible a cifra de parados de longa duración ou o 94% de primeiros contratos temporais e precarios- ou a promoción económica -a xuízo do voceiro, inexistente-.
En vindeiras datas, e unha vez analizados, o grupo socialista valorará polo miúdo a proposta de orzamentos de 2019 presentada por Compostela Aberta.
O concelleiro socialista, que a falla de realizar unha avaliación en profundidade adiantou que lle preocupan os ingresos porque máis de dous tercios dependen de subvencións doutras administracións, debuxou tres escenarios posibles.
En primeiro lugar, apuntou como posible unha proposta de orzamentos de Compostela Aberta vencellada, "como leva advertindo dende o inicio do mandato", a unha moción de confianza. Para Reyes, esta opción suporía unha oportunidade para debater sobre estes tres anos de goberno municipal e poñer unha "nota final" ao mandato.
A presentación da proposta por parte do grupo de goberno e a apertura do prazo para presentar emendas, votalas e aprobalas, é outra das alternativas posibles, o que suporía "contar cun orzamento coral de verdade".
O terceiro escenario sería o de prorrogar o orzamento de 2018. Neste caso, Reyes pediría que os investimentos foran a través de decretos de Alcaldía procedentes e decididos pola Comisión de Participación Veciñal.

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org