Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

ROLDA DE PRENSA

Paco Reyes asegura que a resposta do goberno local sobre a xestión dos centros socioculturais amosa unha "falla de transparencia absoluta"

17/12/2018

O voceiro socialista, Paco Reyes, valorou esta mañá a resposta facilitada recentemente polo goberno local ás doce preguntas formuladas por este grupo sobre a xestión dos centros socioculturais, así como a comparencia -tamén a instancias do PSdeG- da concelleira responsables dos mesmos, Concha Fernández, na comisión informativa do pasado xoves. A este respecto, Reyes cualificou como de "falla de transparencia absoluta" ambas respostas, e advertiu de que no caso de que non se facilite a información solicitada, o grupo socialista acudirá a outras instancias para obtela.
Para o concelleiro socialista, as respostas do grupo de goberno as doce preguntas presentadas por escrito como a comparecencia de Fernández -realizada, dixo, nos mesmos termos-, son "escandalosas", no sentido de que ou non respostan ao requirido ou mesmo faltan á verdade.
Así, Reyes explicou que, por exemplo, a primeira das cuestións plantexadas, referida ao número de queixas recibidas dende abril ata o momento actual, o goberno respostou que 8 ata o 30 de outubro, cando só das rexistradas no informe de atención á cidadanía da Comisión de Queixas e Suxestións, eran 25. "Ou ocultan información ou amosan unha descoordinación total", dixo o edil socialista. O mesmo acontece coa pregunta acerca da baixada de tarifas polos problemas xurdidos coas actividades, que neste escrito respostan que non as van reducir, "aínda que publicamente tiñan anunciado que si".
Tampouco se corresponde coa realidade o que se resposta á pregunta relativa aos horarios e as actividades dos centros socioculturias, xa que mentres que Reyes asegurou que algúns tiñan que pechar durante unhas horas para dar o curso noutro, no documento de Compostela Aberta afirman que si que abren todos o mesmo tempo.
Pero, ademais destas cuestións que o grupo socialista entende que non se axustan aos datos e informacións no seu haber, Reyes criticou fondamente a ocultación de datos pedidos de forma expresa, como coñecer as alta á Seguridade Social ou a relación de persoal de substitución ao subrogado. A este respecto, o voceiro considera "sorprendente" -e máis nun goberno que, como lembrou, anunciara en campaña que ía ter as paredes de cristal- que non se faciliten uns datos por ser "protexidos", cando "un concelleiro ten o deber de confidencialidade e a obriga e o dereito de recabar a información necesaria para exercer o seu labor de fiscalización do goberno".
Con respecto ao listado de subrogación do persoal, o goberno local remite á web, mentres que Paco Reyes subliñou que a información desta páxina non é a real e mesmo algúns xa foron a xuízo e xa gañaron. "Esta situación de Ferrovial, que non subrogou a sete persoas, é motivo de apertura dun expediente por parte do Concello", dixo o voceiro, para o que non é entendible "esa defensa que fai Compostela Aberta a unha empresa privada".
E tamén motivo de expediente, para os socialistas, é o feito de que, como se indica neste escrito de resposta ás preguntas do PSdeG, que a concelleira da área non teña asinada nunha das facturas presentadas por Ferrovial, xa que, din, se están a avaliar. "Levamos 180 días de servizo e non se ten pagada factura ningunha", destacou o concelleiro, que lembrou que por lei habería que pagar aos trinta días. Segundo o escrito, Ferrovial unicamente presentou dous informes mensuais -os de xuño e xullo- e só contan coa sinatura do técnico.
A falla de resposta concreta á situación dos traballadores autómonos con contrato ou a escala salarial, así como que as melloras de Ferrovial teñane de prazo o mesmo -24 mreses- da duración do contrato, levan ao grupo socialista a non só criticar duramente a política de "opacidade" de Compostela Aberta, senón tamén a anunciar que, de non recibir a información solicitada, "acudiremos a outras instancias" para obtela.
"Despois de tres anos e medio, xa está ben de tanto ninguneo", manifestou o voceiro socialista.

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org