Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

NOTA DE PRENSA

O grupo socialista rexeita uns orzamentos aos que o goberno non permitiu negociar no capítulo de ingresos e que adolecen de falla de documentos e de incumprimentos formais

29/12/2018

O grupo municipal socialista votou en contra da proposta do grupo de goberno de orzamentos para o vindeiro exercicio de 2019 no pleno extraordinario que se celebrou esta mañá de sábado no Pazo de Raxoi. O documento non saiu adiante, xa que esta posición foi a mesma de toda a oposición e, polo tanto, só contou co apoio de Compostela Aberta. O encargado de facer a exposición das razóns que teñen levado ao grupo socialista a adoptar esta decisión foi o seu voceiro, Paco Reyes, que quixo deixar claro dende o primeiro momento, ante a actitude victimista adoptada polo alcalde e o goberno municipal, que "non pasa nada por non aprobar hoxe os orzamentos, xa que Santiago terá un documento prorrrogado sobre o que se poderán facer as modificacións de crédito que se consideren necesarias".
Para os socialistas, a proposta presentada por Compostela Aberta debera quedar enriba da mesa e ser emendada á totalidade pola multitude de deficiencias que ten, tanto no que se refire á falla de documentos -o plan de investimentos plurianuais non contempla os prazos de inicio e remate, non foi negociado co partido socialista e non hai plan de investimentos para o rural nin para o periurbano- como incumprimentos formais, ademais de non ter a perspectiva de xénero que esixe a lei. "Non 2016 podiamos entender que non tiveran tempo, pero tres anos despois, esa excusa non nos vale", asegurou Paco Reyes, que tamén criticou as cifras que, fronte o que afirmaba CA acerca duns orzamentos sociais, desmontan tal afirmación.
Reyes, que matizou que o grupo socialista nunca fixo cuestión de confrontación os prazos, lembrou que para que os orzamentos, de ser aprobados, entrasen en vigor a 31 de decembro, deberían ter recibido o visto bo antes do 15 de outubro, e non a finais do presente mes. Ademais, fixo fincapé que, malia a actitude victimista do grupo de goberno, "non pasa nada" por non aprobar un orzamento, xa que Santiago disporá dun documento prorrogado sobre o que se poderán facer modificacións de crédito e, así, atander ás obrigas municipais. "Ademais, Compostela Aberta dixo o ano pasado que o seu orzamento de 2018 era o mellor da historia e o mellor que Santiago podería ter", apuntou o voceiro socialista.
Precisamente vencellado co documento do ano pasado e anteriores, o edil do PSdeG destacou o ínfimo nivel de execución e, nomeadamente, o escaso nivel de cumprimento dos acordos aos que, en 2017 e, sobre todo, en 2018 o goberno local chegara cos socialistas. Este aspecto, pois, foi outro dos que o grupo liderado por Paco Reyes tivo en consideración á hora de decidir o seu rexeitamento á proposta de orzamentos.
Ante as cifras que o grupo socialista avaliou da proposta de CA para 2019, Reyes concluiu que "estamos peor que o ano pasado en execución e xestión", e engadiu que "tamén peor en control",
Con respecto a datos concretos, Reyes afirmou que os gastos correntes van subir un 4,7% e os ingresos correntes un 1,3%, o que significa que Compostela Aberta o que deixa para o goberno que chegue á Alcaldía despois das eleccións de maio de 2019, é que cada vez será máis complexo financiar os gastos correntes cos ingresos correntes. De aí a proposta socialista para os ingresos, que o goberno local non permitiu negociar, que pasaba por incrementar os impostos para as multinacionais de telefonía e eléctricas, así como á banca co uso do espazo público para os caixeiros.
A baixada nos investimentos nun 3,6% con respecto ao ano pasado e as transferencias de capital un 11%, fronte os 1,2 millóns en gastos diversos e os 1,6 en estudos técnicos, tampouco convencen aos socialistas, que amosaron o seu rexeitamento ao documentos cun voto en contra no pleno extraordinario desta mañá.

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org