Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

ROLDA DE PRENSA

O grupo socialista leva o desemprego feminino e a fenda salarial ao pleno de xaneiro

07/01/2019

O grupo municipal socialista levará ao pleno do 17 de xaneiro para o seu debate e aprobación unha moción na que se insta ao goberno municipal a presentar, en base ao Plan Municipal de Emprego, as medidas que se teñen tomado para diminuir o desemprego feminino e a súa precarización laboral, especificando os indicadores que se teñen considerado para o desenvolvemento das mesmas, así como o resultado obtido. Tamén, en relación co primeiro punto, os socialistas reclaman recibir información sobre o investimento da cada unha das accións ou programas de fomento de emprego feminino desenvolvido ata o momento, co número de participantes e de mulleres que, grazas a ditas accións, teñen accedido ao mercado laboral.
O voceiro, Paco Reyes, presentou a iniciativa esta mañá en rolda de prensa, destacando que os datos que se teñen coñecido evidencian unhas "diferenzas desfavorables claras e manifestas" para as mulleres en Santiago e, a este respecto, criticou que o goberno local teña deixado sen gastar en 2017 e 2018 arredor dun millón de euros por exercicio de fomento do emprego.
Como manifestou o concelleiro socialista, se as cifras da EPA e do desemprego de novembro (aínda non se saben os de Santiago relativos a decembro de 2018) non son precisamente para chamar ao optimismo e mesmo agochan unha realidade preocupante para moitos milleiros de persoas de Santiago, no caso das mulleres a situación é claramente peor. Así, a realidade é que en poboación activa a diferenza entre mulleres e homes é de oito puntos, malia ser maior o número de mulleres, e o mesmo acontece co nivel de ocupación, xa que mentres que no caso das mulleres a ocupación está nun 58,1%, no dos homes é do 62,1% (é dicir, catro puntos inferior). Reyes tamén informou de que hai máis mulleres inactivas que homes, cun 39,5% de mulleres e un 31,2% de homes (unha diferenza de oito puntos).
O edil apuntou, así mesmo, outro dato significativo: a partires dos 25 anos, existe un 27% máis de desemprego feminino que masculino.
A situación de longa duración tamén afecta, e dun xeito especialmente notable, ás mulleres, cun 47,9% máis de paro con respecto ao dos homes.
E se o desemprego en Santiago ten cara de muller, a precariedade tamén, segundo explicou o voceiro do grupo municipal socialista. Así, Reyes dixo que o 95% de contratos asinados por mulleres son temporais, engadindo que ademais no último ano a temporalidade feminina incrementouse máis dun 10%, o que significa tres puntos máis que a dos homes. Outra cifra que non deixa lugar a dúbidas da situación de precarización laboral feminina é que do total de contratos iniciais a tempo parcial, case o 80% son de mulleres. E dos contratos a tempo completo, as mulleres asinan un 13.3% menos.
Pero Reyes non só subliñou as cifras relativas a desemprego e precariedade dos contratos, senón que tamén abordou outros dos principais problemas que teñen as mulleres no edio laboral:a fenda salarial. Como indicou, é outra das realidades das mulleres a nivel xeral e, así, coas cifras relativas ao conxunto da provincia relativos a 2017 (os últimos que se deron a coñecer), existe unha diferenza media de 5.000 euros entre o que cobran os homes ao ano (21.824 euros) e as mulleres (16.984 euros), o que sitúa a fenda nun 22,2%. E os datos falan de retroceso, xa que nos últimos tres anos foron 500 euros nos que se incrementou esta diferenza.
Con estas cifras, que deixan poucas dúbidas sobre a situación real das mulleres no eido laboral, a este grupo municipal "sorpréndelle moito que o goberno municipal non teña sido quen de artellar medidas específicas efectivas para paliar o desemprego feminino e a súa precarización laboral, e mesmo teña deixado sen gastar na partida de fomento do emprego ata un millón de euros". Por todo iso, os socialistas levarán a pleno unha moción na que instan a Compostela Aberta a presentar unha serie de informes, en base al Plan Municipal de Emprego, relativos ás iniciativas desenvolvidas para mellorar a taxa de ocupación feminina e mellorar tamén os niveis de precariedade dos seus contratos.

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org