Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

ROLDA DE PRENSA

Paco Reyes denuncia que neste mandato quedaron sen gastar case catro millóns de euros en asistencia social

14/01/2019

O voceiro socialista, Paco Reyes, comparecía esta mañá en rolda de prensa para presentar a proposición que o seu grupo levará a pleno este xoves 17; unha iniciativa que confirma o incumprimento por parte do grupo de goberno do Pacto Social pola Pobreza, asinado polo alcalde (o mesmo que fixo o propio Reyes) en campaña electoral en 2015, comezando pola cifra de gasto social por habitante comprometida, que se ten situado en 110 euros/persoa, cando o documento falaba desa cantidade en 2016 e de 160 euros/persoa en 2019.
Así mesmo, o concelleiro socialista ofreceu unha serie de datos, algúns recentemente dados a coñecer polo Instituto Galego de Estatística (IGE) e outros extráidos dos orzamentos e contas xerais municipais, que matizan, e moito, as conclusións e cifras dadas a pasada semana pola concelleira da área, Concha Fernández. De feito, Reyes lembrou que no que vai de mandato, Compostela Aberta deixou sen executar case catro millóns de euros en partidas relativas a asistencia social.
O voceiro do grupo socialista tamén cuestionou que, co que se deixou sen gastar dos orzamentos de 2016, 2017 e o que se sabe de 2018, e mesmo co "proxecto chapuza dos do 2019", existan, por exemplo, 56 persoas agardando pola bolsa de axuda -familias que cumpren os requisitos pero están nunha lista de agarda-. "Como pode ser que con case catro millóns sen executar haxa 56 familias en lista de agarda por unha axuda?", preguntou Reyes, que engadiu que o número de fogares que quedaron fóra destas bolsas -entre comedor, material ou actividades- ascende a 125. A este respecto, o voceiro instou ao goberno municipal a explicar o número exacto de persoas que quedaron sen axuda polo problema denunciado e referido á necesidade de presentar o IRPF de dous anos atrás, que en moitos casos non recolle a situación real e actual de posibles beneficiarios.
Así mesmo, o concelleiro do PSdeG-PSOE comentou algúns datos feitos públicos recentemente por parte do IGE, relativos á situación económica dos fogares composteláns en 2017. E, sobre esta cuestión, Reyes matizou que si ben é certo que a taxa de pobreza baixou dous puntos, fíxoo menos que outras cidades, como Vigo, no que a biaxada foi de cinco puntos.
Para Reyes, é sinal de que Vigo, cun alcalde socialista, "ten moitas luces, e non só as de Nadal, senón tamén en política social".
O feito de que teñan diminuido o número de fogares con moitas dificultades para chegar a fin de mes pero se teña incrementado o que ten dificultades (ata un 8,5%), xunto co feito de que o número de prestacións teña baixado na nosa cidade, levan a Reyes a concluir que as políticas de asistencia social en Santiago non sexan un éxito, senón máis ben o contrario.
Por todo iso, o grupo municipal levará a pleno unha proposición, que será debatida na sesión ordinaria deste xoves, na que insta á Concellería de Servizos Sociais a presentar para o seguinte pleno de febreiro unha memoria na que se dea conta das razóns polas que non se teñen acadado unha serie de obxectivos asinados no Pacto Social contra a Pobreza, así como as dificultades atopadas á hora do seu desenvolvemento. Nomeadamente, refírense os socialistas a, en primeiro lugar, os compromisos para a creación dun programa integral de vivenda pensado para o auxilio e refuxio de familias con problemas económicos severos que lles conduzan á exclusión social; e a creación dunha oficina municipal de vivenda destinada a ese fin co obxectivo de desenvolver un programa de promoción de traballo cooperativo e de autoemprego para realizar reformas menores nos fogares co obxectivo de optimizar o consumo enerxético e de auga das vivendas. Tamén falan dende o grupo municipal socialista da promesa de creación dunha comisión do pacto social formada polos grupos municipais, técnicos das áreas de Facenda, Servizos Sociais e Emprego e un grupo de entidades de referencia do terceiro sector da cidade, para a realización dun catálogo de medidas de loita contra a pobreza, con partidas nos diferentes orzamentos, no que se analicen, desenvolvan e propoñan medidas concretas de axudas directas.


Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org