Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

ROLDA DE PRENSA

Reyes denuncia a falla de medios humanos na unidade de relacións veciñais e acusa a CA de non atender ás asociacións

15/01/2019

O voceiro socialista, Paco Reyes, valorou esta mañá a convocatoria e a reunión do Consello Municipal de Relacións Veciñais, celebrada finalmente onte á tarde, despois de que se tivera que pospoñer en decembro pola falla de quorum e de diálogo coas entidades. O concelleiro criticou ao grupo de goberno por esta "falla de sensibilidade" e, ademais, acusou ao concelleiro Jorge Duarte de mentir nas explicacións realizadas acerca da non aprobación dos orzamentos municipais para 2019, ao tempo que denunciou a evidente falla de persoal desta unidade de relacións veciñais. Para Reyes, é claramente insuficente de na actualidade unha única persoa se adique a esta área, cando eran catro as que estaban neste departamento e, a maiores, acaban de convocar eleccións para a renovación dun consello xa vencido dende 2017.
Paco Reyes lamentou, en primeiro lugar, que Compostela Aberta non tivera en conta ás asociacións á hora de fixar a data de reunión. Esta falla de senbilidade e de non ter en conta as datas nas que nos atopabamos (Nadal) motivou, como dixo o voceiro, que se tivera que pospoñer e celebrar na tarde de onte.
En segundo lugar, o representante do PSdeG-PSOE criticou o relatorio que realizou o concelleiro Jorge Duarte sobre o proxecto de "orzamentos chapuza" de CA, responsabilizando o edil á oposición de non poder levar a cabo numerosas actuacións por non ter sido aprobados. Como subliñou Reyes, existen as modificacións de crédito para poder desenvolver investimentos e, de feito, estase á espera dun informe da intervención para saber exactamente o marxe de actuación. Pero é que, ademais, o voceiro socialista lembrou que a realidade é que máis do 80% dos investimentos previstos para 2019 baseábanse en débeda e cartos doutras administracións.
Con respecto á débeda, aclarou que non se pode negociar ao non cumprir o pago a proveedores, polo que deixa á cidade sen 3,6 millóns de euros. E con respecto ao diñeiro procedente doutras administracións, Reyes cuestionou a capacidade de CA para xestionar os ingresos, xa que en 2018, 10 millóns que estaban previstos en achegas non se cobrou, alo menos a 30 de setembro, e en 2017 a cantidade que quedou sen ingresar foi de 16 millóns de euros.
En terceiro lugar, o voceiro do grupo municipal socialista referiuse á convocatoria de eleccións para renovar o consello municipal de relacións veciñais, vencido dende 2017. Ademais do retraso, Reyes cuestionou a "excusa" dada por Duarte, indicando que non se tiña feito antes por falla de medios humanos. Para os socialistas, esta obvia necesidade -de catro persoas pasaron a unha única que se encarga desta unidade- ven de lonxe e, de feito, levan máis dun ano agardando por un administrativo. "E o mesmo paso co conserxe, que leva medio ano sne estar na Casa das Asociacións, o que provoca que o edificio estea pechado polas mañás", dixo o concelleiro, que explicou que polas tardes as asociacións poden acudir coas chaves, mais sen recibir os servizos normais deste equipamento municipal. "E que acontece se hai un accidente ou unha rotura dalgún elemento do inmible?", preguntou Paco Reyes, que tamén se interesou polo persoal que se vai encargar de todo o proceso electoral, sumado ao traballo habitual desta unidade de relacións veciñais.
"E se agora levan a cabo algunha contratación, non entemos por que non se fixo antes", destacou o edil do PSdeG-PSOE.

ORZAMENTOS XERAIS DO ESTADO
Preguntado ao respecto, o voceiro socialista manifestou non estar satisfeito co capítulo de investimentos proxectados para Santiago, consecuencia, dixo, da falla de peso político do alcalde, Martiño Noriega. Como vén denunciado o grupo socialista dende o principio deste mandato, a gran materia pendente deste goberno local é a das relacións institucionais, que se saldou con propostas de orzamentos, tanto nos da Xunta como nos do Estado, que non contemplan as necesidades reais de Santiago. Fronte a isto, os socialistas locais van tentar acadar, vía emendas e con reunións cos responsable e deputados en Madrid -dun xeito especial o voceiro falou de Pilar Cancela-, algún investimento que consideran vital para o desenvolvemento da cidade.
Dito iso, Reyes non queixo esquecer unha cuestión fundamental para os socialistas composteláns, como así quedou de manifesto estes días atrás coas roldas de prensa sobre emprego e servizos sociais: o gasto social. A este respecto, o concelleiro valorou a grande aposta do PSOE polas persoas, sobre todo aquelas con maiores dificultades, como é a suba das pensións, a dependencia (case un 60%), a eliminación do copago farmacéutico por tramos de renda -un primeiro paso, dixo Reyes, para acadar a gratuidade total, que debe ser a meta final para quen defende a sanidade pública universal e gratuita-; o incremento nun 10% das becas ou a recuperación das prestacións para maiores de 52. Para o voceiro, "este paso adiante do Goberno de Pedro Sánchez para retomar e recuperar todos os dereitos perdidos cos gobernos do PP", terán unha incidencia importante en Santiago, cidade envellecida e na que, como veñen denunciando os socialistas nestes anos, ten un problema de emprego en mulleres -as grandes beneficiarias tamén por estes orzamentos- e parados de longa duración -sobre todo, os maiores de 52 anos que verán recuperadas as prestacións-.
Finalmente, Paco Reyes quixo respostar ao PP, que xa se ten pronunciado sobre esta proposta. Así, asegurou que "o Partido Popular sempre fixo orzamentos pintados, que non satisfacían ao grupo socialista, pero que ademais non executaba". Sobre esta cuestión, destacou que non só non recollían as necesidades de Compostela, senón que, a maiores, no mellor dos casos (e moi poucos), o nivel de execución non chegou ao 40%.
"É o mesmo que lle criticamos a CA nos orzamentos locais; se non executas, estamos ante propostas que non son reais", dixo o edil, que tamén acusou ao PP de non ser conecuente coas decisións que toma. Referíase Reyes á decisión dos populares de, xunto con Ciudadanos, votar en contra da aprobación da senda de gasto, o que impide contar con 6.000 millóns de euros para investimentos. "O que poderían ser 300 millóns máis para Galicia, quedan sen poder utilizarse pola decisión do PP, máis centrado en loitas electorais que nas necesidades das cidades e territorios". manifestou o voceiro do grupo socialista.

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org