Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

ROLDA DE PRENSA

O goberno de CA deixou sen investir neste mandato en mantemento de viais e zonas verdes máis de 35,3 millóns, segundo denunciou Paco Reyes

24/01/2019

O voceiro socialista, Paco Reyes, denunciou esta mañá en rolda de prensa que o goberno de Martiño Noriega deixou sen executar ao longo dos orzamentos municipais de 2016, 2017 e 2018 nada máis e nada menos que 35,3 millóns de euros en actuacións de mantemento de viais e zonas verdes do municipio.
Así mesmo, no encontro coa prensa, o concelleiro fixo unha breve valoración da proposta de ordenanza da ORA e guindastre, que inclúe plantexamentos contrarios ao defendido por CA nun principio, como o de non rotación -o contrario ao que pretendía facer Duarte-, ao tempo que non ten estudo económico -semella que o que figuraba na memoria era "pintado" e non tiña sustento ningún-, estudo de tráfico que xustifique a zonificación proposta polo goberno local, ou o informe de intervención sobre o impacto económico. Para Reyes, ademais, o plantexamento respecto do apoio á Policía Local, optando por facer auxiliares aos traballadores da ORA e guindastre, non é legal, xa que estas prazas están regulamentadas por lei e precisan de oposición.
Para Reyes, todo o que se plantexa na ordenanza de ORA e guindastre habería que analizalo con anterioridade, e non propoñer xa un modelo de xestión do servizo, sen coñecer documentos como o estudo económico. A este respecto, o voceiro manifestou que pode haber afectación nos ingresos e, polo tanto, na sustentabilidade do servizo. De feito, existe unha variación non só nas contas de 2018 de Tussa de 500.000 euros, que se xustificou cos problemas derivados dos inicios do servizo, senón que na "proposta chapuza" dos orzamentos de 2019, tamén había unha diferenza de 200.000 euros con respecto á memoria de municipalización, que falaba dun custe de 1,9 millons de euros. "Con esta proposta, CA ten que buscar un culpable, a xustificación de que non van cumprir coas cifras que eles mesmos propoñían na memoria", afirmou Paco Reyes.

MÁIS DE 35 MILLÓNS DE EXECUTAR EN MANTEMENTO
A rolda de prensa de Paco Reyes comezaba cos datos relativos ás partidas que ao longo dos orzamentos de 2016, 17 e 18, o goberno de Martiño Noriega quedaron sen executar, malia estar recollidas nos diferentes documentos económicos, no referente a mantemento de viais e zonas verdes do municipio.
Como explicou Reyes, o total supera os 35,3 millóns de euros, sendo a partida de rúas e beirarrúas á máis "escandalosa", con máis de 26 millóns de euros sen executar nestas tres anualidades.
No referido a parques e xardíns, quedaron case 2,5 millóns sen investir e en camiños veciñais preto de sete millóns. "E aseguraban, como o PP, que este ía ser o mandato do rural", dixo o edil, para o que "agora que lle expliquen á veciñanza que durante estes tres anos non se gastaron estas partidas por incapacidade de xestión".
Esta falla de mantemento, nese "día a día, no mínimo que se lle pide a un goberno que vai xestionar a cidade", ten a súa plasmación na situación da cidade, con exemplos en cada unha das zonas e barrios. A este respecto, citou algúns, como o parque de Belvís, a senda do Sar e a do Sarela, as numerosas fochancas da avenida de Ferrol ou o "cráter" de Meixonfrío fronte a Casa Agraria. "Non estamos falando de grandes investimentos, senón do mantemento", subliñou o responsable socialista.
Reyes lembrou que Compostela Aberta dispuxo da ferramenta necesaria para poder facer eses investimentos en 2016, 2017 e 2018, grazas a que así o facilitou o Partido Socialista, polo que o problema -en relación tamén ás criticas destas semanas por parte do alcalde e do equipo de goberno por non ser quen de sacar adiante as contas de 2019- "non é se teñen ou non orzamento, senón que con todos os datos que estamos dando a coñecer, é evidente que se trata dunha capacidade na execución das partidas".

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org