Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

ROLDA DE PRENSA

Paco Reyes alerta da importante baixada do número da activos que amosa a EPA

30/01/2019

Malia ofrecer algunhas cifras positivas, sobre todo no que se refire a creación de emprego, a EPA do derradeiro trimestre do ano evidencia algúns problemas que, como asegurou Paco Reyes, preocupan dende hai moito tempo ao grupo socialista. O concelleiro, neste sentido, alertou das casi 2.500 persoas desempregadas de longa duración, da precarización dos empregos que se están a crear e, dun xeito especial, destacou desta enquisa as baixas no número de activos, dun xeito específico, en determinadas franxas de idade, que se corresponden coa diminución nas afiliacións á Seguridade Social en decembro de 2028 con respecto a 2017 nos tramos de 20 a 24 anos e de 30 a 40.
Por outra banda, Paco Reyes quixo respostar ao alcalde, Martiño Noriega, e ao voceiro do PP, Agustín Hernández, sobre as súas respectivas declaracións acerca do intercambiador (a mal chamada intermodal).
Que o goberno local de Compostela Aberta teña deixado sen executar entre 2016 e 2018 case tres millóns de euros para unha partida "tan importante dende un plantexamento de esquerdas" como é o fomento do emprego, pouco, ou nada axuda para que os datos da EPA relativos so derradeiro trimestre de 2018 evidencien unha realidade máis aló da certa recuperación que Santiago (cidade que sempre resistiu mellor as crises por acoller administracións como a Xunta, o Sergas ou a USC), xunto co resto de Galicia e do conxunto de Estado -agás contadas excepcións- están a experimentar dende 2014: a baixada do número de activos en arredor de 2.500 persoas e a precarización cada vez maior nos postos de traballo que se crean.
Ao feito de que na actualidade en Compostela hai case 2.500 persoas en situación de desemprego de longa duración, hai que engadir, como subliñou Reyes, a precariedade dos postos de traballo. "A precarización segue a ser un tema moi serio e mesmo está a empeorar", afirmou o edil, que indicou que a EPA constata un incremento dos contratos temporais sobre os indefinidos e dos contratos a tempo parcial fronte os de xornada completa. "Os contratos a tempo parcial non son un problema en si mesmo cando se trata da opción da persoa que busca emprego, pero si que son cando, como acontece en moitas ocasións, non se atopa outro posto de traballo a tempo completo", dixo Reyes.
A baixada de activos, isto é de poboación en idade de traballar, sobre todo en determinadas franxas -como se extrae dos datos de decembro de 2018, que experimentan unha baixada nas afiliacións á Seguridade Social no mesmo período de ano anterior en franxas de idade de 20 a 24 anos e de 30 a 40-, confirma que, como alertaba o grupo socialista, "a xente está a marchar". E nada máis e nada menos que en 2.500 persoas menos, pasando de 85.100 activos a 82.600.
A falla de políticas de emprego efectivas por parte da administración local -con importantes partidas sen gastar- e de iniciativas que axuden á diversificación que os socialistas veñen demandando e que o goberno local non lidera, non axudan precisamente a mellorar estas situacións.

INTERCAMBIADOR
O concelleiro socialista quixo respostar ao alcalde, Martiño Noriega, e ao voceiro do PP, Agustín Hernández, con repecto a unha serie de declaracións realizadas ao intercambiador ou mal chamada intermodal.
Reyes, sobre a petición de Hernández ao Adif de reclamar a segunda fase desta actuación sen a cláusula dos 3,5 millóns de pasaxeiros que se inclúe no convenio, asegurou que o grupo socialista sempre esixiu a eliminación de dita cláusula -que, lembrou, non se pediu a ninguén-. O concelleiro socialista fixo fincapé en que foi o goberno de Mariano Rajoy do PP o que fixou dita cláusula, aceptada por Compostela Aberta, e manifestou que "nós pensamos que o Goberno ten que retirala, pero Hernández tivo tempo dende 2016 para pedilo e defender a cidade fronte o seu partido, e non facelo fronte o partido dos demais".
Con respecto a Noriega, que o pasado pleno lle dixo a Reyes que o informe do arquitecto municipal ao que o socialista se refería estaba "obsoleto", o voceiro do PSdeG pediu ao rexedor que lle faga chegar o que o goberno teña, xa que non teñen constancia doutro documento. Tamén lle lembrou que se a pasarela que unirá as estacións será cuberta foi pola presión da sociedade compostelá e da oposición, ademais de que dita pasarela "vai ser pagada co noso peto" (o Concello pagará o 30% e todas as desviacións que se poidan producir).
Finalmente, Reyes pregúntalle tanto ao concelleiro de Espazos Cidadáns, Jorge Duarte, como ao alcalde, Martiño Noriega, polo artigo do voncenio que abre a posibilidade dunha operación urbanística, "pero da que non sabemos se vai ter un máximo e un mínimo".

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org