Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

ACTO DE PRESENTACIÓN DE BUGALLO Á CIDADANÍA

Bugallo: "Temos que construír entre todos un proxecto novo, sen complexos, que nos faga liderar Galicia e nos poña á vangarda das cidades de España e de Europa"

01/02/2019

"Vamos Santiago!". Esta foi unha das frases máis repetidas e coreadas (e o será en vindeiras datas) por unha ateigada sala Capitol. Coa canción de Fredi Leis "Santiago DC" de fondo, e acompañado por numerosos compañeiros e compañeiras de partido -entre elas, algunhas das persoas que o acompañarán na súa candidatura, como Mercedes Rosón, Sindo Guinarte e Mila Castro- e por representantes das forzas vivas da cidade, Xosé Sánchez Bugallo presentouse á cidade, explicando non só as motivacións que o levaron a encabezar a candidatura socialista para as vindeiras eleccións de maio de 2019, senón tamén para avanzar as súas ideas sobre o proxecto que, xunto co seu equipo, quere desenvolver en Compostela durante o vindeiro mandato. Bugallo fixo un chamamento á unidade por Santiago, manifestando que "con independencia de ideoloxías, hoxe estamos aquí pola nosa cidade, unidos por Santiago".
"Decidín presentarme porque quero a esta cidade e porque me doe Santiago". Así explicaba ao comezo da súa intervención o candidato Xosé Sánchez Bugallo as razóns principais polas que decidiu dar o paso ao fronte e liderar a construcción "dun proxecto novo, un proxecto sen complexos, un proxecto que nos faga liderar Galicia e que nos poña á vangarda das cidades intermedias de Galicia e de Europa". Bugallo, que elixiu unha data especial, a do seu cumpreanos, para facer a súa presentación pública, definiu o acto como "un encontro entre amigos". Un encontro no que comezou falando desa cidade "de referencia" que era Santiago, "o centro de Galicia, a súa capital". "Santiago explicou o noso modelo de cidade polo mundo, e agora estamos aquí agochados, encerrados en nós mesmos, sen proxecto", asegurou.
Aínda co recoñecemento expreso de ter cometido erros durante a súa etapa como máximo responsable da administración local, o candidato afirmou que "o que tamén é certo é que os que tiveron a oportunidade de poñer o seu modelo enriba da mesa adicáronse máis a destruír o que fixeramos que a construir algo novo".
Por iso, subliñou, a percepción do candidato non é outra que a "dun tempo perdido, dunha cidade pasmada (). Teño a sensación de que o goberno municipal actual ten a visión de Santiago como unha cidade acomplejada de si mesma". "Pero eses non son os complexos da cidade, senón que son os complexos dos que gobernan a cidade", aseverou Bugallo.
E con esta situación, e deixando claro que "non se trata de mirar atrás", o candidato socialista aposta por construir "non sobre o que tiñamos hai oito anos, senón sobre o que hai hoxe" un "proxecto novo, sen complexos, un proxecto que nos faga liderar Galicia e que nos poña á vangarda das cidades intermedias de España e de Europa".
Asumindo "o que somos", e sentindo "orgullo do que somos e do que temos", a aposta do que fora alcalde de Santiago pasa por atender esa nova cidade que reclaman os novos tempos. "O século XXI reclama un novo Santiago, unha nova orientación, e temos que reinventarnos, pero sobre o que somos, sobre o que temos", dixo. Un Santiago atractivo, amable, acolledor para os que chegan e para os que queren comezar iniciativas de todo tipo, e unha administración áxil, con recursos e que convide a emprender na cidade, xunto coa construcción de espazos físicos acolledores, son obxectivos prioritarios para o candidato.
Xosé Sánchez Bugallo fixo un chamamento á unidade e tivo palabras agarimosas e de agradecemento para as persoas que o acompañarán nesta andaina cara as eleccións municipais. Nomeadamente, quixo das as grazas a Mercedes Rosón, Sindo Guinarte e Mila Castro por acompañalo e porque "sen eles non me tería presentado".
Cun "Vamos Santiago!" rematou a intervención de Bugallo, que na actualidade está a elaborar, xunto con expertos nas diferentes áreas, o programa electoral e o equipo completo de mulleres e homes que integrarán toda a candidatura.
Pero Sánchez Bugallo non foi o único en intervir neste acto, que presentou Carmela Pardal, senón que con anterioridade o fixeron representantes recoñecidos da sociedade compostelá, como a atleta Esther Pedrosa; o veciño de Pontepedriña Javier Fernández; a mestra xubilada e empresaria Loli Rey Valiñas, e a escritora e poetisa Belén Fortes. Ademais, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, tivo unhas palabras de apoio ao candidato á Alcaldía de Santiago.

NUTRIDA REPRESENTACIÓN CIDADÁ E DO PARTIDO SOCIALISTA
O candidato Sánchez Bugallo neste primeiro acto público coa cidadanía dende que foi nomeado cabeza de lista á Alcaldía Compostela estivo arroupado por numerosas autoridades do PSdeG-PSOE, así como por representantes do movemento asociativo -veciñal, deportivo, social e económico- e ex concelleiros e concelleiras de cidade durante a súa época como rexedor local, así como por alcaldes de municipios da comarca.
Así, acudiron á sala Capitol o delegado do Goberno, Javier Losada, e a subdelegada, Pilar López-Riobóo; o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero; o ex presidente da Xunta Emilio Pérez Touriño; e o voceiro do grupo parlamentario socialista e presidente do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, entre outros. Tamén acompañaron a Bugallo os ex concelleiros Joaquín Buergo, José Baqueiro, Luis Toxo, Carlos Nieves, Guadalupe Rodríguez, Rosa Fernández Somoza e Andrés Fariña, así como os rexedores de Ames, José Miñones; Oroso, Manuel Mirás; e Brión, José Luis García.
Tamén foi moi extensa a representación de entidades veciñais, como as de Meixonfrío, A Gracia, Sandra Prego de Pontepedriña, Sabugueira-Lavacolla, Marrozos, Composte Monumental ou A Ponderosa de Vite, así como de carácter social, caso de Fadenga, Cogami, Acem, Aspas, Asociación Sarela ou Proxecto Home, ou deportivo, como Santiago Futsal ou Obradoiro. O Foro Cívico, a Cámara de Comercio, o Decanato de Abogados, a Asociación de Hostalería, o Club Financieiro, o Sindicato Unificado da Policía (SUP), ou a Asociación de Amigos da Banda de Música tiveron a súa presenza neste acto, ao que se sumaron persoas referentes nesta cidade como Ubaldo Rueda ou Xavier Freire.

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org