Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

ROLDA DE PRENSA

Reyes cualifica a xestión de CA como "claramente deficiente" a asegura que nestes anos deixaron por ingresar case 47,5 millóns

05/02/2019

Se nestas semanas foi a execución dos gastos, hoxe o voceiro socialista centrou a súa intervención na avaliación da execución dos ingresos, e dun xeito particular os previstos de transferir doutras administracións a este Concello.
Paco Reyes concluiu que os datos de 2016, 2017 e o que se coñece de 2018 amosa unha xestión por parte de Compostela Aberta "claramente deficiente", como evidencia o feito de que nestes tres anos quedaran por ingresar case 47,5 millóns por non xustificar na maior parte dos casos -así o indica o informe de intervención na liquidación de 2017- ás respectivas administracións que se realizaran ditos gastos.
O concelleiro socialista explicou que, no que se refire á partida de "créditos de dubidoso cobro", en 2016 foi de algo máis de 17 millóns, e en 2017 de máis de 18 millóns. "Ante isto, un se pregunta que tipo de créditos o Concello asume que son de dubidoso cobro", dixo.
Como apuntou, cando se realiza a análise dos capítulos IV e VII de ingresos, é dicir, as transferencias doutras administracións tanto para gasto corrente como para gasto de investimento, o que se constata, sobre todo no referido ás transferencias de capital para investimentos, é que son, canto menos, "sorprendentes". Así, a 31 de decembro o Concello deixou de ingresar por transferencias de investimentos doutras administracións máis de dez millóns de euros, e a 31 de decembro de 2017 máis de 15,3 millóns. Se temos en conta que a 30 de setembro había máis de 21,6 millóns sen ingresar, en tres anos quedaron sen ingresar, e polo tanto sen gastar na cidade, uns 47,5 millóns de euros.
Algúns exemplos destas partidas son do POS da Deputación, Feder (Edusi), subvencións da Xunta en Servizos Sociais e para tratamento da Umad ou subvencións do Estado para emprego.
Reyes destacou que esta situación non a denuncia unicamente o seu grupo, senón que o propio informe da intervención da liquidación de 2017 advirte de que existe un déficit en transferencias do capítulo IV, por exemplo do Edusi, porque non se lle demostrou ao Ministerio que se ían gastar esas partidas. O mesmo acontece en materia de emprego, indicando que non se fan transferencias polo mero feito de ter unha previsión. "O que vén dicir é que, ademais, se pintaban os orzamentos", dixo Reyes.
Sobre o capítulo VII, o relativo a transferencias doutras administracións para investimentos, indícase nese informe que existen compromisos de investimentos por valor de catro millóns de euros que financian gastos non realizados e que se teñen que trasladar a 2018.

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org