Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

ROLDA DE PRENSA

O grupo socialista pide ao Goberno local a apertura de expediente a Ferrovial, despois de que teñan pasado seis meses sen dar resposta ao escrito presentado polo seu comité de empresa

07/02/2019

O grupo municipal socialista solicita, a través do seu voceiro, Paco Reyes, a apertura dun expediente a Ferrovial, empresa encargada da xestión dos centros socioculturais, por non dar resposta ao comité de empresa de Ferrovial nos seis meses que marca a lei, no que denunciaba diversas presuntas irregularidades no funcionamento do servizo. Dado que se trataba da solicitude de información, e non a formulación de preguntas, Reyes entende que o silencio administrativo é positivo e, polo tanto, o procedente para Compostela Aberta é a apertura dun expediente.
Por outra banda, sobre a polémica suscitada a raíz das denuncias do PP acerca dunha serie de presuntas contratatacións a familiares de membros do goberno, o concelleiro socialista cualificou que dado que se trata dun tema "moi serio", o seu grupo non se vai posicionar ata que teña toda a información pertinente. De feito, anunciou que os socialistas pedirán a Intervención unha listaxe de todos os contratos das empresas denunciadas polo Partido Popular e a contía económica dos mesmos
O concelleiro socialista lembrou que o comité de empresa de Ferrovial -empresa adxudicataria da xestión dos centros socioculturais- presentara o pasado 12 de xullo por rexistro dirixido á Alcaldía un escrito denunciando unha serie de cuestións que entendían que eran irregularidades desta compañía, como os soldos por debaixo do salario base, que non se subrogara a traballadores ou que se estableceran horas extras de forma sistemática, entre outras cousas.
Transcorridos máis dos seis meses que marca a Lei de Procedemento Administrativo para respostar sen que se remitira contestación ningunha, Reyes interpreta este silencio administrativo como positivo, e dado que a maiores o Concello non lle ten abonado a Ferrovial ningunha factura -entende que ten que existir algún problema coa xestión da empresa-, solicita a apertura dun expediente.

DENUNCIAS E SOLICITUDE DE INFORMACIÓN
Con respecto ás noticias que estes días están a saír na prensa polas denuncias do PP acerca dunha presuntas contratacións a familiares de membros do grupo de goberno, Paco Reyes apuntou, en primeiro lugar, que os socialistas non coñecen os expedientes e, polo tanto, non van facer valoracións dun tema que, ademais, consideran "serio".
Si considera Reyes abusivo o uso dos contratos menores, do 41% do total en 2017, non só pola falla de transparencia, senón porque "amosan unha mala xestión". E así o considera o informe da intervención, que vai nesta mesma liña.
Ademais, o concelleiro socialista lembrou que antes do verán o seu grupo presentou unha proposición solicitando a aplicación das recomendacións do Consello de Europa no proceso de adxudicación dos contratos menores, extremo que foi rexeitado cos votos en contra de Compostela Aberta e a abstención do Partido Popular. "Se o PP non se abstivera, a nosa iniciativa tería sido aprobada e tal vez non estariamos nestas situación", manifestou Reyes, que tamén subliñou que o goberno local decidiu rebaixar o nivel de fiscalización a fiscalización limitada.
En canto ás denuncias concretas, Reyes anunciou que o seu grupo solicitará á intervención unha listaxe de todos os contratos das empresas postas enriba da mesa polo PP, así como o importe dos mesmos. "Queremos solicitar toda a información para poder avaliar o tema, que pensamos que é moi serio", dixo o edil socialista.

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org