Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

NOTA DE PRENSA

Paco Reyes afirma que os datos sobre o aeroporto trasladados onte por Incolsa constatan as dificultades que ten a terminal compostelá

08/02/2019

No consello de administración de Incolsa de onte deuse información dos datos do aeroporto de Lavacolla correspondentes ao ano 2018. Segundo manifestou o voceiro socialista, Paco Reyes, as cifras son, por unha banda, positivas en canto a que se acadou un novo récord en número de pasaxeiros, con 2.724.000, mais se constata que as advertencias formuladas polos socialistas durante estes anos tiñan fundamento, posto que o incremento, do 3%, é a metade non só do crecemento medio estatal, senón que tamén e moi inferior ao rexistrado polos outros dous aeroportos galegos. Así, Lavacolla creceu a metade que Peinador (Vigo) e menos da metade que Alvedro (A Coruña), que tivo un incremento do 7,5%.
No caso das operacións, os datos son peores, posto que a subida, do 1,5%, queda moi lonxe da media española, do 6% e da Coruña, cun 9% de suba.
Outro dato a ter en conta, como destacou Reyes, é que por primeira vez, Santiago rexistra unha cifra absoluta en crecemento menor que A Coruña, xa que mentres que Lavacolla rexistrou 79.000 pasaxeiros máis en 2018, en Alvedro foron 84.000.
O concelleiro socialista asegurou que dende que está no goberno local Compostela Aberta, a cuota de mercadoi de pasaxeiros está a baixar cada ano con respecto ao anterior, xa que a cuota foi inferior en 2016 sobre 2015, en 2017 sobre 2016 e, como se evidencia agora, en 2018 con respecto a 2017. "Con CA, a cuota de mercado baixou tres puntos e medio", afirmou Reyes, que engadiu que se comparamos estes datos cos do aeoporto de Sá Carneiro, as cifras son moito peores. Por exemplo, fronte os 2,7 millóns de pasaxeiros de Lavacolla, a terminal de Oporto tivo en 2018 doce millóns, o que supón un cremento do 10,7% do aeroporto luso fronte o 3% do galego.
Ante estas dificultades, e dado que se está a rematar o mandato, o grupo socialista pregunta unha serie de cuestións, como as xestións que fixo CA coa Xunta para outogar as concesións das lanzadeiras que unan as cidades galegas con Lavacolla; a posibilidade de que sexa a Xunta a que asuma o financiamento de apertura de novas rutas posto que "Santiago é a principal porta de entrada de turistas a Galicia"; as xestións levadas a cabo ante a Aena para a posta en marcha das rutas aprobadas polo Comité de Rutas, para rebaixar as taxas, como fixo Mallorca, durante os meses de baixa estacionalidade, ou para incrementar a frecuencia dos voos a Madrid e, así, ampliar as conexións con destinos internacionais.
Para Reyes, estes datos ofrecidos onte por Incolsa teñen unha vertente positiva, posto que falan de incrementos, pero evidencias unha serie de problemas que impiden que a terminal compostelá creza ao ritmo do resto de terminais e que perda cuota de mercado, sobre todo cos outros dos aeroportos galegos. Insistiu o concelleiro socialista na necesidade de chegar a un acordo con Sá Carneiro para mellorar as cifras e resultados das dúas terminais e traballar de forma coordinada.

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org