Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

NOTA DE PRENSA

Reyes considera que as denuncias sobre os contratos menores de CA deben ser clarificadas, mais pide ao PP que xustifique a celebración dun pleno extraordinario e entregue un informe con datos concretos

14/02/2019

A solicitude hai uns días por parte do Partido Popular dun pleno extraordinario para reclamar a apertura dunha comisión que investigue os contratos menores de Compostela Aberta será avaliada en reunión polo grupo municipal socialista unha vez que "teñamos unha proposta por escrito e vexamos a documentación que presenta o PP para xustificar a convocatoria de dito pleno". Así o manifestou esta mañá o voceiro socialista, Paco Reyes, que aproveitou a oportunidade para facer unha serie de "reflexións" sobre esta cuestión.
En primeiro lugar, Reyes dixo supoñer que o PP presentará un dossier no que explique e argumente todas as acusacións realizadas ao longo destes días. "A carga da proba nun estado de dereito corresponde a quen acusa e non ao acusado", lembrou o concelleiro socialista, que subliñou que teñen xurdido plantexamentos relativos a contratos de milleiros de euros vencellados a familiares de integrantes do grupo do goberno, pero que non se acaban de concretar e, por iso, reclama ese informe.
A este respecto, ademais, o edil pregunta aos populares se agora están dispostos a votar a favor da moción presentada hai uns meses por parte do grupo socialista solicitando a aplicación das recomendacións do Consello de Europa en materia de control e transparencia dos contratos menores, xa que entón CA rexeitara a proposta e o Partido Popular se abstivera. "Se é así, estamos dispostos a presentar de novo a moción pola vía de urxencia ao pleno do vindeiro xoves, ou de facelo pola vía ordinaria na sesión de marzo", asegurou Paco Reyes.
Por outra banda, o voceiro do PSdeG-PSOE lembrou que o prazo legal para investigar irregularidades é de cinco anos atrás, polo que, de crearse esta comisión, debería traballar todo ese período, incluindo pois o derradeiro ano de mandato do PP.
Dito isto, o concelleiro socialista apuntou que a cidadanía ten dereito a "saber o que hai de certo nestas acusacións" e, a este respecto, dixo que "o que non pode facer CA, aínda que a carga da proba recae na acusación, é o que está facendo ata o dagora, limitándolle a dicirlle ao PP que pasou unha liña vermella e a romper relacións con eles, xa que isto non non afecta só á imaxe do grupo de goberno, senón de toda a corporación".
Así, Reyes considera que as veciñas e veciños de Santiago teñen que saber se o que se denuncia é legal ou ilegal e se é ético ou non o é. "E dentro da ética, haberá que saber que código se vai empregar, se é o de Compostela Aberta, que é para exportación e aplicación do resto dos grupos pero non para consumo propio -como quedou constatado ao longo deste mandato- ou é o dende a perspectiva do PP, que levou a que un concelleiro fora condenado en sede xudicial polo caso denominado das facturas falsas", manifestou Paco Reyes.

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org