Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

NOTA DE PRENSA

Os pésimos datos sobre turismo de 2018 esixirían dimisións en CA de non estar a dous meses das eleccións, afirma Reyes

26/02/2019

Os datos sobre turismo que vén de dar a coñecer Exceltur relativos a 2018 constatan que a preocupación que amosou o grupo municipal socialista ao longo de todo este tempo estaba totalmente fundamentada. Como manifestou o seu voceiro, Paco Reyes, as cifras son "claramente negativas" para a nosa cidade, amosan a "turismofobia" de Compostela Aberta durante todo o mandato, e "de non ser que estamos a dous meses das eleccións", esixiría asumir responsabilidades en forma de dimisións.
Segundo os datos de Exceltur,Santiago perdeu en 2018 con respecto a 2017 máis de 117.000 viaxeiros e máis de 106.000 pernoctacións, unhas cifras elevadísimas e que, como destacou Paco Reyes, tiveron a súa traducción en diferentes eidos, como a rendabilidade, que na nosa cidade se situou en 37,8 euros por noite e habitación, fronte aos 67,5 da media estatal. Isto supón, así mesmo, unha baixada de tres puntos, que no caso dos destinos urbanos españois foi de incremento de 1,5 puntos.
Tamén afectaron os malos datos á ocupación, que en Santiago foi do 55,4%, mentres que na media do estado superou o 72%. Para Santiago, esta cifra supuxo unha baixada de máis de tres puntos con respecto a 2017.
E no emprego, o impacto tampouco foi positivo, cunha suba mínima do 0,4% nun sector da importancia do turístico para Compostela. No caso do resto de destinos urbanos, produciuse un incremento do emprego de 4,3 puntos.
"Se non fora porque estamos a dous meses das eleccións, estos datos esixirían responsabilidades en forma de dimisións", asegurou o voceiro socialista, que acusou a Compostela Aberta de aplicar de forma "militante" e "activista" a "turismofobia". Para Reyes, destas cifras tan negativas nun sector que ten un impacto tan relevante na riqueza local, ten unha gran responsabilidade o grupo de goberno.

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org