Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

ROLDA DE PRENSA

A concelleira socialista Mila Castro amosa o apoio do grupo municipal á folga feminista do 8 de marzo

28/02/2019

A concelleira socialista Mila Castro participou esta mañá na rolda de prensa conxunta coas edilas Marta Lois, de Compostela Aberta, e Goretti Sanmartín, do BNG, en apoio á folga feminista do vindeiro 8 de marzo. Castro subliñou que o seu grupo vai apostar sempre "pola defensa dos dereitos das mulleres", ao tempo que amosou o compromiso socialista co "cambio social que impulsa o feminismo".
Na rolda de prensa conxunta que ofreceron as tres concelleiras no Pazo de Raxoi, Mila Castro destacou o papel xogado ao longo da historia polo Partido Socialista na defensa dos dereitos e liberdades das mulleres. "Sempre apostamos e defendimos as políticas de igualdade", asegurou a edila.
Para Castro, a folga do pasado 8 de marzo "marcou un antes e un despois no noso país". "As mulleres alzamos a nosa voz contra o machismo, sen posibilidade volta atrás", manifestou. A este respecto, a concelleira socialista afirmou que "non imos tolerar nin un só retroceso, aínda que alguén se empeñe, porque os dereitos das mulleres non se negocian".
Mila Castro abordou a discriminación que sofren as mulleres en todos os eidos e que, malia as conquistas acadadas, aínda persisten. A fenda salarial e a precarización, a violencia sexual, a prostitución ou a vulneración de dereitos sobre a maternidade son algúns dos exemplos que citou a concelleira do PSdeG-PSOE, para a que "precisamente a desigualdade" é a raíz da violencia machista. Neste punto, lembrou que dende que se fan públicos os datos, en 2003, teñen sido asasinadas por violencia de xénero 984 mulleres.
"Camiñar cara a igualdade é unha responsabilidade que nos interpela individualmente como sociedade, pero tamén é unha obriga a todas as administracións, dende a estatal a ta a local", dixo.
Finalmente, Castro instou á cidadanía a sumarse á folga e paros e accións reivindicativas promovidas para o 8 de marzo. "O 8 de marzo de novo será un gran día, onde as mulleres sairemos ás rúas para esixir o que nos corresponde, e porque hai aínda quen cuestiona o feminismo, tratando de devolvernos ao pasado", aseverou.

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org