Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

ROLDA DE PRENSA

"Se votamos a favor da modificación do convenio da finca do Espiño asumimos que a empresa cumpriu, e non é así", asegura Paco Reyes sobre a proposta que vai a pleno esta tarde

21/03/2019

O voceiro socialista, Paco Reyes, asegurou esta mañá que se o seu grupo vota a favor do punto de modificación do convenio da finca do Espiño, "asumimos que a empresa cumpriu e non é así!. O concelleiro explicou que non se pode apoiar un expediente que recoñece unha serie de cousas e cambios que non se sustentan e que non inclúe unha serie de informes preceptivos.
Segundo asegurou Reyes, Compostela Aberta tratou de "vender" esta modificación do convenio coa baixada do nivel de edificabilidade e o incremento do parque a través dunha expropiación que, sen xustificación algunha, cifran nun máximo de 560.000 euros. Pero, como destacou o edil, ao estudar o expediente chégase a unha serie de conclusións que preocupan ao grupo socialista e mesmo, como puxo de manifesto o voceiro, poden incrementar o número de "bombas xudiciais" ás que se refería hai uns días o candidato socialista, Xosé Sánchez Bugallo.
En primeiro lugar, Reyes apuntou que no expediente faise o recoñecemento "sen xustificación" de que ese solo que estaba cualificado como urbanizable pasa a ser urbano, e tamén leva implícito outro recoñecemento: que a empresa cumpriu as obrigas de urbanización, extremo vencellado á propia edificación. "Se non se fixeron as obras do edificio, como van estar as de urbanización"?
En terceiro lugar, como subliñou Reyes, a modificación do convenio, reducindo a edificabilidade de 10.500 a 2.000 metros cadrados fíxose sen denunciar previamente dito convenio -ou, como dixo Reyes, non consta no expediente- e permitindo inicialmente que o 100% fora adicado a vivenda libre e despois un mínimo dun 30%, a través dunha emenda sen informe ningún remitido aos grupos esta mañá. Para o concelleiro socialista, permitir un 70% de vivenda libre, cando inicialmente os 10.500 eran para uso dotacional, modifica sustancialmente un convenio sen que se acheguen documentos xustificativos e, en determinados casos, preceptivos. Precisamente a falla de informes importantes é outra das denuncias de Paco Reyes na rolda de prensa que ofreceu esta mañá, como a listaxe coa evolución dos propietarios dos últimos catro anos, o acordo da Xunta de Goberno, o proxecto de urbanización ou un informe técnico e xurídico, entre outros.
Así mesmo, o edil referiuse ás cargas, das que tamén dixo que non está demostrado que se cumpriran. A este respecto, preguntou pola acta de recepción das obras do parque, ou o acondicionamento do palacete a conta do 10% que tivo que aportar a empresa.
"Cando non denuncias e cando dis que as obras están feitas, abres claramente a posibilidade de que a empresa vaia ao xulgado e reclame o diñeiro achegado ata o momento e que eses 10.500 metros cadrados sexan adicados na súa totalidade a vivenda", asegurou Paco Reyes, que engadiu que de chegar aos tribunais, o custe para o Concello pode oscilar entre os seis e os doce millóns de euros.

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org