Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

NOTA DE PRENSA

O grupo socialista pide que se retire da orde do día o punto relativo á modificación de usos da parcela de Peleteiro e se leve de novo co expediente completo

10/04/2019

O voceiro do grupo municipal socialista, Paco Reyes, pedía esta mañá ao goberno local de Compostela Aberta que retire da orde do día do pleno o punto de modificación de usos da parcela coñecida como de Peleteiro, que terá lugar esta mesma tarde, e o leve de novo cando teña o expediente completo. A razón non é outra que a falta de informes e documentos que, segundo afirmou Reyes, son preceptivos e, polo tanto, levan a unha inseguridade xurídica que impiden aos socialistas apoiar a proposta.
Ademais, o edil subliñou que non hai ningún estudo que conclúa que dita proposta é a que máis interesa á cidade e, nomeadamente, ao Ensanche.
O primeiro que quixo destacar o voceiro socialista é que, "dunha maneira xenérica, non hai unha oposición de principio" porque, entre outras cousas, a base é a mesma proposta que no seu momento fixo o goberno socialista de Sánchez Bugallo. A este respecto, Reyes referiuse aos 1.395 metros cadrados de uso público para a praza, o aparcadoiro ou os 900 metros cadrados construidos de locais para usos social (dotacionais), que non se modifican en absoluto e, ademais, nos tres casos están blindados polo Plan Xeral.
Así, os cambios son, por unha banda, no deseño e unha diminución da edificabilidade, que pasa dos 23.500 aos 19.900 metros cadrados. Para os socialistas, este cambio non ten, a priori, unha consideración negativa, pero o problema xurde porque hai unha modificación do uso comercial e hoteleiro, de modo que desaparece este último e se incrementa o uso de vivenda libre. Paco Reyes matizou que hai un 20% para vivenda de promoción pública que, como destacou, é o mínimo legal, que se concretaría en 34 vivendas.
Segundo o concelleiro socialista, existindo parcelas municipais en Conxo, no Castiñeiriño ou en San Lázaro, que permitirían a construcción dunha 500 vivendas sociais para aluguer, non entende o que fixo a este respecto CA en catro anos, ao tempo preguntou aos responsables locais se pensan que estas 34 vivendas van resolver o problema que existe na cidade neste eido.
Por outra banda, Reyes afirmou que a proposta que se leva a pleno á do Sareb, o propietario da parcela. "Iso é o que lle interesa ao propietario, polo que a pregunta é se isto é o que verdadeiramente máis lle interesa á cidade e, en concreto, ao Ensanche", manifestou o concelleiro.
Para o voceiro, existen cuestións como se existe modificación económica polo cambio de uso comercial e hoteleiro a vivenda libre, que semella que si, pero non existe informe económico que o determine e aclare dúbidas como a plusvalía que podería xerar e, no seu caso, canto se vai corresponde ao Concello.
Tamén cuestiona o concelleiro a titularidade de rede viaria para entradas e saídas da praza e a dos espazos do aparcadoiro soterrado, así como o feito de que non se acheguen ao expediente numerosos documentos e informes, algúns deles preceptivos segundo a normativa vixente e, dun xeito específico, a Lei do Solo de Galicia.
Esta inseguridade xurídica é, polo tanto, unha das razóns principais polas que o grupo socialista pide a Compostela Aberta que retire o punto da orde do día e inclúa todos os informes e documento xustificativo que faltan para voltar a unha nova sesión co expediente completo. De non ser así, os socialistas anuncian que o seu voto non será favorable.

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org