Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

NOTA DE PRENSA

Reyes critica que Compostela Aberta perdeu nove meses na apertura do expediente a Ferrovial pola xestión dos centros socioculturais e lembra as denuncias socialistas

22/04/2019

O voceiro socialista, Paco Reyes, asegurou esta mañá que os argumentos sobre os que se sustenta o expediente aberto, segundo decisión da Xunta de Goberno Local celebrada a pasada semana, a Ferrovial pola xestión dos centros socioculturais, son os mesmos que vén denunciando o seu grupo dende hai máis de nove meses.
Segundo Reyes, esta situación denunciada polo grupo socialista dende final do pasado verán foi obviada por Compostela Aberta ata agora, e mesmo a concelleira de Servizos Sociais en comparecencia solicitada polos propios socialistas non hai moito negaba calquera problema na prestación do servizo.
Lonxe disto, o informe realizado pola comisión técnica de seguimento do contrato de Ferrovial, levado xunto coa peticion de apertura de expediente a xunta de goberno do pasado mércores, contempla unha serie de incidencias -sesenta- rexistradas en todas as parroquias e barrios de Santiago, e relativas a numerosas cuestións, como a falta de persoal; a deficiente comunicación das actividades nas redes; a falta de comunicación de baixas, despidos ou cadro de persoal da empresa, así como renuncias, a non substitucións na maior parte dos casos; a non remisión dos preceptivos informes semanais, mensuais e trimestrais requiridos (e solicitados en numerosas ocasións polos socialistas, coa negativa en todos os casos por CA); ou a falta de acreditación documentada por parte de Ferrovial da actual composición da súa oficina técnica e falta de capacitación, entendida no sentido de coñecemento respecto ao obxectivo do contrato por parte da actual dirección técnica da empresa, que motivou denuncias por parte da cidadanía. Esta última cuestión é, para os socialistas, definitoria para tomar a decisión de abrir o expediente e rescindir o contrato a Ferrovial.
Para Reyes, que pide explicacións a CA unha vez coñecido este informe, lembrou que a situación de Ferrovial non é a única, senón que tamén existen problemas similares con Lacera, empresa que se encarga da conserxería e limpeza de centros deportivos municipais, e de Eulen unha das empresas encargadas de prestar o servizo de axuda a domicilio. Nos dous casos, dixo -o primeiro, por sentenzas xa en contra por non subrogar a persoal, e por non cumprir os pregos e non instalar o sistema informático para xestionar estes centros, e o segundo por incumprimentos, xa denunciados ante a Inspección de Traballo, do convenio-, Compostela Aberta debería abrir o correspondente expediente e rescindir os dous contratos.
Mención aparte é o "esperpento" da Escola Municipal de Música, caso no que é o propio Concello o que ten acudido aos tribunais contra a decisión da súa Xunta de Goberno, aprobando uns pregos que agora considera CA que son negativos.
"Todo isto, sumado aos servizos que están sen contrato ou que tardaron todo o mandato en saír a licitación, lévanos a pedir a Compostela Aberta que aclare cal foi o seu papel: ou foi de neglixencia ou foi de connivencia coas empresas e, polo tanto, ten que dicir cal delas é e asumir as responsabilidades vencelladas", dixo Reyes.

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org