Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

NOTA DE PRENSA

Paco Reyes acusa a CA de falta de transparencia e de opacidade por non informar ao pleno e á cidadanía da liquidación de 2018

02/05/2019

O voceiro socialista, Paco Reyes, acusou ao goberno local de Compostela Aberta de actuar con falta de transparencia, opacidade e ocultación por non informar á cidadanía e ao pleno da liquidación de 2018. O concelleiro socialista lembrou que o prazo legal foi incumprido, posto que marcaba o 31 de marzo como data límite para levar esta "obriga legal" e, aínda que supuxo que foi remitida ao Ministerio, o certo é que a nivel municipal nada se sabe.
Cos datos na man do informe definitivo do derradeiro trimestre de 2018, Reyes asegurou que CA non ten aprendido nada, xa que, malia anunciar orzamentos "expansivos", o certo é que nunca foron quen de pasar dun gasto de 85 millóns de euros. "Así non se poden levar a cabo as melloras na prestacións dos servizos públicos ou desenvolver os investimentos que esta cidade precisa", dixo o edil.
Para Reyes, algúns datos que se desprenden deste informe relativo ao derradeiro trimestre de 2018, son demoledores e confirman a mala xestión económica do equipo de goberno de Martiño Noriega.
Así, o voceiro do PSdeG-PSOE destacou que a 31 de decembro houbera en caixa 47,7 millóns de euros, mentres que, en esa mesma data, o que se lle debía a proveedores -moitos deles, como dixo, pequenas empresas da cidade e comarca de Santiago- superaba os 28,6 millóns. "Non ten xustificación que se deba iso", apuntou o concelleiro.
O mesmo acontece cos remantes de tesourería, que se xa os cualificaban como incribles en 2017, con máis de sete millóns, agora superan todo o dito, con máis de 24 millóns de euros. Pola contra, o recoñecemento de cobros dubidosos é de 18 millóns de euros, o que supón o case renunciar a cobrar unha partida moi relevante para poder facer fronte a necesidades de Santiago.
A este respecto, Paco Reyes manifestou que dos ingresos correntes, orzamentados en 104,5, foron liquidados 100, o que significa que quedaron catro millóns de ingresos previstos que non entraron nas arcas municipais, como 1,3 da ORA e o guindastre, que "queremos crer que ese diñeiro está en Tussa, pero non se contempla na contabilidade e non entendemos a razón"; 1,2 millóns en servizos educativos correspondentes aos comedores e financiamento da Xunta; ou 200.000 euros en Servizos Sociais, que tampouco se ingresaron.
Dos catro millóns de ingresos que faltan no capítulo IV non se cobraron, como indicou Reyes, 2,4 millóns. "Por que non se cobraron?", preguntou o voceiro socialista, que amosou a súa sorpresa por que o 20% dos gastos tampouco te materializaron. Sobre este punto, o dos gastos, o concelleiro subliñou que esta contía ascende a 18 millóns, e deste montante, catro se corresponden co capítulo I, o de persoal, un deles en persoal laboral. "Queixámonos de que non temos persoal, as licenzas tardan máis dun ano porque non hai xente, pero deixamos un millón de euros sen gastar no eido de persoal laboral", afirmou Paco Reyes.
No capítulo II, foron 11 os millóns que quedaron sen gastar; entre eles, dous para mantemento, 1,1 en limpeza ou tres noutros servizos. E en gastos correntes, quedaron dous para familias e un millón de euros sen gastar para fomento do emprego.
Finalmente, no capítulo VI, o de investimentos, dos 25,4 proxectados, foron executados 6,9 (supón un grao de execución do 24%, que como puntualizou Reyes, non é que se executara máis que en 2017, senón que en 2018 se orzamentou menos investimento).
Con todo, o voceiro do grupo municipal socialista asegurou que "se vemos as contías de cada capítulo, vemos que hai exactamente o mesmo gasto", e cun nivel que non superou nunca os 85 millóns de euros. "En catro anos, Compostela Aberta foi incapaz de superar o gasto de 85 millóns de euros", dixo Reyes, que lembrou que CA falaba orzamentos expansivos e de gastos totais de 104,5 millóns.

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org