Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

ALCALDÍA

O alcalde de Santiago afirma que non lle sorprende e que era esperable a repetición das eleccións xerais

20/09/2019

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo asegura que hai proxectos na cidade que se están vendo afectados" pola falta dun goberno central en plenitude de funcións", polo que era esperable e "dificilmente evitable" ir a novas eleccións.
Sobre a repetición das eleccións xerais o próximo 10 de novembro ante a falta de acordos para formar goberno, o rexedor afirma que non lle sorprende, e que lle parecía que "este era o final máis probable desde que pasou o que pasou no pleno do Congreso de xullo". Recoñece, ademais que cun goberno en funcións hai unha "serie de proxectos" que se están vendo afectados". Como exemplo explicou que "temos acordado neste momento e perfectamente encamiñado o futuro da estación da AVE, pero o goberno en funcións de momento non puido modificar o convenio que dá lugar á situación actual porque non é urxente nin inaprazable a decisión... E así temos unha chea de decisións que de momento se van retardando". Lembrou, tamén que o goberno en funcións de Pedro Sánchez aprobou a licitación do a ligazón orbital, "unha actuación que non se materializou porque en funcións non ten autorización para continuar".
Ademais está pendente, indicou, unha reunión do Real Padroado para impulsar o Consorcio de Santiago, ou o cambio de nome do aeroporto de Lavacolla por Aeroporto Rosalía de Castro.
Aínda así, indicou que a situación política a nivel estatal "non impediu" ao Concello "seguir avanzando". Citou exemplos: "en ADIF avanzamos na redacción do proxecto e este mes sairá a exposición ao público" e "no mes de decembro teremos o proxecto da estación de tren nova. De momento non se perdeu tempo" porque están "a traballar en paralelo".

Reunións orzamentos
Na rolda de prensa celebrada para presentar o foro de emprego Talentia Summit 2019, o alcalde de Santiago tamén deu conta da rolda de contactos que está mantendo cos grupos da oposición, para abordar posibles acordos sobre a "situación de concello, á marxe das ordenanzas fiscais" e as "perspectivas que se manexan para os orzamentos".
Viu, dixo Sánchez Bugallo, unha actitude "positiva" no BNG, e a un PP "aberto" a falar pero con "posicións de partida difíciles de encaixar". Sobre Compostela Aberta asegurou que non tivo "ningunha contestación".
Nos distintos encontros, indicou que lles trasladou que non podían contemplar solucións que "implicasen unha baixada dos ingresos" nun contexto no que a cidadanía demanda "máis e mellores servizos".


Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org