Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

ALCALDÍA

Sánchez Bugallo sinala que a aposta do seu goberno é pola USC, aínda que non se opón á universidade privada xa que responde "a un exercicio de dereitos legais e constitucionais"

23/09/2019

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, mostrou hoxe o seu apoio á USC fronte a universidade privada. O rexedor sinalou que o Concello "non se opón a nada" respecto da futura implantación da primeira universidade privada de Galicia, a iniciativa de Abanca, xa que responde, dixo, "a un exercicio de dereitos legais e constitucionais". Pero aclarou que a "aposta" do seu goberno é pola Universidade de Santiago de Compostela.
A Xunta de Galicia sacou este mes a exposición pública o proxecto da Universidade Intercontinental da Empresa de Abanca, con campus en Vigo e A Coruña. Sánchez Bugallo é claro: "se alguén pon en marcha unha universidade privada non temos nada que obxectar, pero nosa aposta é a nosa universidade.. Nós, o que temos que defender, o que temos que apoiar e a USC", engadiu.

Tras dar conta dos asuntos da Xunta de Goberno, o alcalde foi preguntado polos seus primeiros días como alcalde. Afirmou ter comprobado "certa recuperación da normalidade institucional e das relacións sociais" e ter visto a cidade "optimista".

Para Sánchez Bugallo, "os grandes temas da cidade están encamiñados, con algúns so á espera de que se resolva a interinidade do Goberno español". Así, no caso da estación intermodal, lembrou que a finais deste mes se presentará o seu proxecto básico, e reiterou a súa confianza en que "a final de ano poidamos levantar a cláusula dos 3,5 millóns de pasaxeiros".

Sobre a EDAR, subliñou que "se están dando todos os pasos previstos", recordando que a final deste mes presentarán as súas propostas técnicas as nove empresas que participan no procedemento de diálogo competitivo, da que sairán as catro entre as que "esperamos seleccionar unha en verán", convencido de que se elixirá "o mellor proxecto, que será o que garanta un procedemento ambiental simplificado, precisamente porque sexa o que teña o mellor impacto ambiental".

Finalmente, sobre o orbital, o rexedor lembrou que fora aprobada a súa licitación polo Consello de Ministros antes das eleccións xerais. Agora, dixo, "agardamos que se resolva canto antes e se materialice".

Tamén preguntado polo futuro do que ía a ser Centro de Atención ás Persoas sen Fogar, o alcalde aposta por transformalo nun centro de formación e inserción laboral para persoas en risco ou situación de exclusión e porque as instalacións se sitúen noutro lugar, no ámbito do Polígono do Tambre. En calquera caso, dixo, estudaranse as alternativas, asegurando, en todo caso, que terá "un uso social".

Sánchez Bugallo defende un equipamento que supoña "un servizo novo, orientado ás persoas que o necesitan". Neste sentido, referiuse á existencia xa de dúas entidades, Cáritas e o Albergue de Xoán XXIII, que prestan unha atención a transeúntes e que "demandan a nos colaboración". Por iso, engadiu, "o que temos é que aunar esforzos e apostar por eles".

Lembrou que "a maioría das persoas sen fogar en Santiago son transeúntes, non son xente asentada en Santiago". Para estes últimos, indicou, xa lle ten formulado propostas á Xunta de Galicia para "a creación de vivenda social".

Tamén se mostrou "sorprendido" e en desacordo coa ubicación que ía ter o Centro de Atención en Belvís, "nun parque público e alonxado do ámbito urbano". A propósito disto lamentou o "estado de abandono" no que se atopa o Centro de Interpretación Medio Ambiental de Belvís e tamén o Centro de Interpretación do Medio Rural da Portela.

Xunta de Goberno Local
A Xunta de Goberno, na súa sesión ordinaria deste luns, aprobou unha modificación do contrato que o Concello mantén coa empresa xestora dos expedientes sancionadores de tráfico para substituír un radar móbil por outros radares fixos. Deste xeito, instalaranse estes radares no paso inferior do Hórreo e no Restollal.

O Goberno local tamén acordou solicitar á Consellería de Política Social unha subvención de 413.477,82 euros para o desenvolvemento de varios programas de emerxencia social e inclusión social da poboación xitana, inmigrante e outras persoas en risco de exclusión social para os anos 2019 a 2021.

Igualmente no ámbito das políticas sociais, aprobouse a resolución da convocatoria de axudas para o uso do taxi como medio alternativo para as persoas con dificultades de mobilidade ou que presentan limitacións para o uso do transporte colectivo municipal. Concedéronse 40 axudas: 36 por importe de 350 euros, 3 por 250 euros e unha por 150 euros. Denéganse 9 solicitudes, por non cumprir os requisitos económicos, non entregar a documentación requirida ou entregala fóra de prazo.

Outra convocatoria resolta é a do fomento de programas e actividades en prol da igualdade efectiva entre mulleres e homes e das persoas do colectivo lésbico, gay, transexual, bisexual, queer e intersexual (LGTBQI) e de prevención e loita contra as violencias machistas para o ano 2019. Neste caso outorgáronse 10 subvencións, por un importe total de 26.164,48 euros.

O alcalde tamén deu conta do nomeamento como novo director da Asesoría Xurídica do Concello de Manuel Cutrín Domínguez, que ata agora era o responsable da Asesoría Xurídica da Deputación de Lugo. Ademais, designouse a María Cadaval Sampedro como patroa da Fundación Galicia Obra Social - Afundación en representación da Corporación.

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org