Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

ALCALDÍA

Sánchez Bugallo cualifica de intolerable que CA "semente dúbidas", sobre a consultora que realiza o informe dos posibles usos do antigo Peleteiro

04/10/2019

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, considera intolerable que Compostela Aberta "semente dúbidas" a contratación da empresa que está realizando o servizo de consultoría sobre posibles usos urbanos do antigo Peleteiro para a rendibilidade e dinamización comercial do Ensanche. Na rolda de prensa dos venres, o rexedor aclarou que descoñecía que esa empresa traballase para a SAREB, e adianta que a mediados de novembro está previsto presentar un avance das conclusións que se debaterá coas asociacións de comerciantes e as entidades veciñais.
O rexedor recomenda a CA que actúe con "certa prudencia", e lémbralle que "lea o informe do xefe de sección de planeamento que acompañaba á proposta de modificación puntual do plan xeral" que Compostela Aberta levara a pleno". Sinala Sánchez Bugallo que foi o goberno de Martiño Noriega, no anterior mandanto, quen sí "fixo un convenio coa SAREB". E remítese a ese informe, "onde se di explicitamente, que a proposta que se leva a pleno non é a que pensan os funcionarios municipais. É por orde directa de Jorge Duarte, a da SAREB". Explica o alcalde que "iso figura no expediente", e conviría que antes de falar dos demais "leran os documentos que eles mesmo levaron a pleno."

ORDENANZAS FISCAIS

Xosé Sánchez Bugallo tamén deu conta dos contactos con outros grupos políticos para sacar adiante as ordenanzas fiscais. Recoñeceu que existe un "achegamento importante" con CA, aínda que apunta que non renuncian a alcanzar "o maior consenso posible" sumando ao PP ou ao BNG. O Partido Popular é o grupo co que hai máis diferenzas, porque, explicaba, apostan por 2unha rebaixa fiscal moi potente" que sería "incompatible" con "os servizos que reclaman os cidadáns e os retos do ano 2021".

CONSELLO MUNICIPAL DAS PERSOAS MAIORES

O rexedor tamén se referiu a entrevista mantida durante a mañá coa presidenta da Asociación de Pensionistas de Santiago, Manuela Fraguela, e con outros/as integrantes da directiva. Sánchez Bugallo comunicoulle á Asociación a decisión de levar ao Pleno a constitución do Consello Municipal das Persoas Maiores, disolto no 2012. Estudarase "se é necesario crear un novo Consello ou reactivar o antigo", apuntou o alcalde.

Tamén lles anunciou a creación dun grupo de traballo específico para estudar a situación das persoas maiores, un colectivo que, dixo, en Santiago constitúen "máis de 20.000 persoas, moitas delas vivindo soas e, moitas destas, maiores de 80 anos. Neste sentido, o alcalde deu conta da existencia dun estudio elaborado polo anterior Goberno que quere analizar. O obxectivo, dixo, é formular "políticas de apoio concretas" para o colectivo de persoas maiores en materias como "seguridade, información, tramitación ou atención".

OPERATIVO DE TRÁFICO DO ANO SANTO

Antes dese encontro, o alcalde reuniuse este venres coa xefa provincial de Tráfico da Coruña, Victoria Gómez Dobarro. Na xuntanza tamén participaron o concelleiro de Mobilidade e Seguridade Cidadá, Gonzalo Muíños, integrantes da Xefatura e responsables da Policía Local de Santiago.

Na xuntanza abordouse o operativo de tráfico cara o Ano Santo 2021. Anunciou un "programa ambicioso" no que, ante a carencia de efectivos, "deberemos esforzarnos por incorporar as novas tecnoloxías, en mellorar a seguridade e en ofrecer unha boa atención a peóns e condutores".

Puxo como exemplo de medidas a adoptar a activación dos paneis informativos sobre os estacionamentos soterrados da cidade, que "actualmente non está operativo". "Temos que renovalo tecnoloxicamente, incorporar os novos estacionamentos (respecto aos existentes en 1993) e tamén información sobre os estacionamentos de rúa", apuntou, na busca de ofrecer "a información máis completa posible". Segundo citou, outra medida sería "a integración da comunicación de Tráfico, centrada no cuartel da Garda Civil nas Cancelas, e a da Policía Local.

Sánchez Bugallo aposta por "optimizar a rede viaria e uns servizos que son escasos e insuficientes, para transmitirlle a mellor información aos/ás usuarios/as". Neste cometido, dixo, é importante a renovación tecnolóxica, polo que saliento o esforzo importante nesta materia previsto grazas ao proxecto Smartiago.

Tamén anunciou a intención de crear catro novos aparcadoiros disuasorios de bordo, conectados ao centro de Santiago por transporte público, nas entradas principais da cidade dende as catro provincias. No caso da entrada dende A Coruña, está previsto construír un "amplo estacionamento" nunha parcela municipal en Amio. Indicou que se vai encargar o anteproxecto e buscar vías de financiamento. Sobre as outras tres entradas á cidade, estanse estudando as posibles ubicacións, xa que "non hai dispoñibilidade de grandes espazos".

CAPTACION DE EMPRESAS

Tras participar esta semana en Portugal na presentación dun informe do Eixo Atlántico sobre captación de investimentos para os concellos, Xosé Sánchez Bugallo, puxo como exemplo os municipios do norte de Portugal de modelos exitosos de industrialización e de captación de empresas. Por iso, anunciou que se vai intensificar a colaboración con concellos como Viana do Castelo, Braga ou Coímbra para traballar nesta materia e tamén noutras como o turismo ou a investigación.

Sánchez Bugallo resaltou o "salto cuantitativo e cualitativo" que concellos do norte de Portugal foron capaces de dar na industrialización e na captación de investimentos industriais. En particular, citou o exemplo de Viana do Castelo, cun parque industrial con 42 empresas, das que só unha é española, polo que, dixo, "non se pode falar de deslocalización".

Establecendo unha comparación con Santiago, explicou que "nós temos aeroporto, solos industriais, infraestruturas… pero fáltanos unha política e facilitades para a implantación de empresas". Neste sentido, avanzou, "temos un compromiso activo" nesta dirección, e indicou que se están dando pasos, "como a Mesa pola industrialización, a proposta de hub tecnolóxico en biotecnoloxía e o solo industrial".

Outra das cidades lusas que puxo como exemplo foi Braga, coa que anunciou que se avanzará no irmandamento e no traballo conxunto en materia industrial, pero tamén turística, coa intención de potenciar o Camiño Portugués, e investigadora, con colaboracións entre a USC e a Universidade do Minho. A propósito dos lazos de unión entre Santiago e Braga, o rexedor lembrou que foi un profesor da USC, José Rivas, o encargado de por en marcha no seu día na cidade lusa o Instituto Ibérico de Nanotecnoloxía.

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org