Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

ALCALDÍA

O alcalde de Santiago ve positivo o "xiro ao centro" do PP

07/10/2019

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, considera positivo o "xiro ao centro" do PP. Na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno o rexedor sinalou que as opcións políticas "centradas" son "moi positivas" para o país. Sobre este avance cara posicións de centro de Pablo Casado, afirma que "probablemente teña un marcado interese electoral, pero oxalá sexa sincero".
Sánchez bugallo lembrou que esta centralización dos populares "xa lle soa dos anos 90". Citou aos ex-presidentes José María Aznar e Mariano Rajoy. "Agora vexo", engadiu, que "o novo presidente, despois do que lle pasou fai seis meses, fai outro xiro". Pero, aclara, se se producira hai 15 días non sería necesario convocar novas eleccións xerais. Neste sentido, o alcalde pediu ao PP que "deixe gobernar" se "non ten unha alternativa".

Sobre as eleccións lexislativas en Portugal, nas que o Partido Socialista revalidou a vitoria con máis apoios, pero sen maioría absoluta, sinalou que "lamentablemente en España" mírase "máis cara a Francia", en canto a política. O rexedor suxire que se debe mirar a Portugal "con respecto e con algunha admiración", porque,engade, o executivo de António Costa conseguiu sacar ao país da crise e que "non medrase só o turismo", senón tamén "o tecido industrial con medidas sociais" que manteñen a taxa de paro "no 5 por cento".

XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno Local nomeou os/as integrantes da comisión de expertos que avaliará as propostas de iluminación de Nadal. Tal como anunciou o alcalde a intención do exectuvio municipal é acender este alumeado nas vésperas da ponte do día da Constitución (6 de decembro).

Sánchez Bugallo explicou que a tardanza na elección da empresa encargada do alumeado de Nadal deste ano obedece á tardanza con que se aprobaron os orzamentos. Pero a intención do Goberno local para vindeiros exercicios, apuntou, é "intentar facer a convocatoria antes do verán, para así actuar con máis prazo e ter maior dispoñibilidade de ofertas".

Unha vez sexa adxudicado o alumeado, dixo, conversarase coas asociacións de comerciantes para "harmonizar" as propostas estéticas. A municipal sairá da elección que faga un comité de expertos integrado por Lourdes Pérez Castro, arquitecta e directora técnica da Oficina Técnica do Consorcio de Santiago; Javier Fernández Muñoz, xefe de servizo de Rehabilitación e Vivenda; e José Manuel González García, vicesecretario do Concello.

En materia de licenzas, o Goberno local concedeu unha para a construción dun edificio de 41 vivendas na rúa de Manuel Ceruelo, 4 (SUNP-14). Aproveitando esta cuestión, o alcalde anunciou que o Goberno municipal quere sacar á venda dúas parcelas municipais en 2020, destinadas a vivenda de protección autonómica. Sánchez Bugallo indicou que "segue habendo necesidade" deste tipo de vivenda e apostou porque o Goberno central revise as condicións para a adxudicación destes inmobles, que hoxe "teñen o lastre de que non se poden descualificar ata pasado un prazo de 30 anos". Cre que un prazo máis razoable sería "de 10 ou 15 anos".

Ademais, a Xunta de Goberno aprobou a convocatoria e as bases dunha nova edición do programa Coidar para mellorar, que promoven conxuntamente os departamentos de Comercio e de Lingua. En total, destínanse 40.000 euros a esta iniciativa, que conta con dúas liñas de axuda: unha para reforma e adecuación de locais e outra para gastos de comunicación realizada en galego.

Outro dos acordos foi a aprobación do convenio de colaboración entre o Concello e a Xestora de Concertos para a Contribución aos Servizos de Extinción de Incendios - A.I-E, para a liquidación e recadación da contribución especial para o establecemento, mellora e ampliación do servizo de extinción de incendios. A Xestora obrígase a abonar ao Concello, para cada un dos anos de vixencia do convenio, a cantidade resultante de aplicar o 5% sobre o 100% das primas dos seguros multirriscos, do ramo de incendios, recadadas no ano inmediatamente anterior e que se refiran a bens situados no ámbito xeográfico do concello.

Tamén se outorgaron as autorizacións de uso das hortas urbanas e listas de agarda do Campo das Hortas e de Belvís de Abaixo, segundo os actos públicos realizados, respectivamente o 12 e o 18 de setembro. Cómpre lembrar que se trata de 54 hortas no Campo das Hortas e 26 en Belvís de Abaixo.

En materia de centros socioculturais, acordouse a solicitude de dúas subvencións á Deputación da Coruña: unha de 144.000 euros para financiar o funcionamento do Centro Sociocultural do Ensanche, e outra de 140.000 euros co mesmo fin, pero para os centros socioculturais do ámbito rural.

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org