Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

POLÍTICAS SOCIAIS

Sánchez Bugallo considera "unha prioridade" a construción da nova residencia de maiores de Fontiñas

08/01/2019

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez, Bugallo, acompañado da concelleira de Políticas Sociais e Saúde, Mila Castro, reuniuse hoxe con Fabiola García, conselleira de Política Social. Entre os asuntos abordados figura a construción da nova residencia de maiores no barrio de Fontiñas, que o rexedor considera "unha prioridade absoluta".
Ao rematar o encontro, e en declaracións aos medios de comunicación, Sánchez Bugallo insistiu que cómpre acelerar as obras, porque esta residencia "é unha necesidade real e unha demanda social importante". A conselleira avanzou que o obxectivo da Xunta é que comecen no primeiro semestre do 2020. A nova residencia de maiores de Santiago estará financiada pola Fundación Amancio Ortega, contará con 120 prazas, e con "equipamento innovador" e "as últimas tecnoloxías". Fabiola García explicou que neste momento a Xunta está "traballando na redacción do proxecto básico e de execución". O que non concretou foron os prazos de execución, dadas, dixo, "as dificultades que teñen estas obras de gran evergadura".

CEGADI

A conselleira sinalou que xa está funcionando a zona de rehabilitación do CEGADI (Centro Galego de Desenvolvemento Integral) de Salgueiriños, un obxectivo conxunto de Xunta e Concello, para "continuar dándolle maior calidade asistencial" ás persoas usuarias. Fabiola García expersou o seu desexo de que o Imserso poña en marcha canto antes a parte residencial e a apertura dunha delegación do Centro de referencia estatal de autonomía persoal e axudas técnicas (Ceapat).

SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR

No encontro tamén se abordou, segundo explicou Mila Castro, a "necesidade de mellorar o servizo de axuda no fogar para a terceira idade". Fabiola García respondeu que o executivo autonómico "continuará incrementando o número de horas, por suposto dentro das circunstancias" de cada municipio. A concelleira de Políticas Sociais Saúde tamén incidiu en que o concello de Santiago dispón de "poucas prazas" en centros de menores.

Xosé Sánchez Bugallo valorou a "gran receptividade" e o "compromiso" atopados na conselleira de Política Social. Un compromiso, engadiu, "para mellorar as condicións dos veciños". O alcalde indicou que "os máis desfavorecidos teñen que ter unha protección especial polas políticas públicas, con especial énfase nas persoas maiores, nas que viven soas e nos máis novos". Nesta valoración coincidiu tamén a concelleira Mila Castro, que se declarou "moi satisfeita" tras a reunión. Pola súa banda, Fabiola Garcia eloxiou a "lealdade institucional" das dúas partes. Nesta xuntanza tamén participaron a secretaria xeral técnica da Consellería, María Francisca Gómez, e o director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado.

OUTROS ASUNTOS

Preguntado sobre a reunión mantida onte co presidente da xestora local do PP, Borja Verea, e co edil popular Alejandro Sánchez Brunete; Sánchez Bugallo espera que sexa "unha reunión indicativa dunha situación de colaboración".

Engadiu que lle parece positiva e necesaria a actitude de colaboración manifestada polo Grupo Popular, sobre todo agora, "con tantos anos perdidos, co reto do Ano Santo do 2021" e nun momento en que Santiago ten que redefinir un novo proxecto de cidade.

Sobre as ordenanzas, o alcalde sinalou que o punto de partida é diferente ao do PP, pero iso, di, "non vai afectar á relación que teñamos. No escenario no que estamos non podemos minorar os ingresos do Concello. Necesitamos eses recursos", finalizou, "e a marxe de negociación é moi escasa".

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org